A Xunta revaloriza o Camiño xacobeo ao seu paso por Vedra grazas aos participantes no campo de traballo da localidade
- Esta iniciativa, na que participan 16 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, está centrada no ámbito patrimonial e sociocultural
- A directora xeral destacou que se trata dunha excelente ferramenta de educación non formal que permite á mocidade poñer o seu grao de area para mellorar a sociedade
- A campaña de verán ofrece 9.572 prazas, 526 máis que en 2016, e inclúe ademais campos de traballo en España e no estranxeiro e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior entre outras accións
Vedra (A Coruña), 8 de xullo de 2017.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou hoxe o campo de traballo de Vedra, un dos nove que se celebrarán ao longo da época estival na provincia da Coruña no marco da campaña de verán que a Xunta de Galicia pon a disposición dos mozos e mozas galegos.
A titular autonómica saudou aos 16 participantes neste campo de traballo de ámbito internacional centrado no patrimonio e na cultura. Deste xeito estes mozos e mozas -con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos- realizarán ata o 16 de xullo unha investigación de campo sobre o trazado do Camiño Xacobeo ao seu paso por este concello, elaborarán carteis de madeira para a súa sinalización e tamén un mapa- folleto informativo en varios idiomas. Tamén realizarán intervencións de carácter sociocultural con nenos e nenas e con persoas maiores da zona entre outras actividades de ocio e de lecer.
Cecilia Vázquez destacou que esta iniciativa engloba experiencias de participación, voluntariado e mobilidade que axudan a dinamizar a vida xuvenil nos concellos galegos onde teñen lugar. “Trátase dunha excelente ferramenta de educación non formal que ademais, permite á mocidade poñer o seu grao de area para mellorar a nosa sociedade”, explicou a directora xeral. Así mesmo, destacou que os campos de traballo promoven valores como o traballo en equipo, a convivencia e o respecto.
Os campos de traballo en Galicia, ao longo deste verán, porán a disposición de mozos e mozas da nosa comunidade, do resto de comunidades autónomas e de países como Francia, Alemaña, Grecia, Italia, Corea do Sur ou Xapón ou de voluntarios e voluntarias procedentes da Galicia exterior, 598 prazas.
No que respecta á provincia da Coruña, esta conta con campos de traballo nos concellos de Laracha, Betanzos, Boqueixón, Coirós, Curtis, Outes, Ribeira, Rois e Vedra que ofertan un total de 228 prazas para a mocidade.
O teu verán colle nunha mochila
Os campos de traballo forman parte da Campaña de verán da Xunta de Galicia O teu verán colle nunha mochila, na que poderán tomar parte 9.572 persoas, 526 máis que en 2016. As actividades que conforman esta campaña están dirixidas a mozos e mozas de entre 9 e 30 anos, e están divididas en actividades específicas para os distintos grupos de idade.
Na programación estival inclúense campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas; o uso en oferta concertada das instalacións xuvenís; as actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo en España e no estranxeiro; e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.
O departamento autonómico inviste 2,9 millóns de euros na posta en marcha destas actividades, que permitirán a contratación dunhas 1000 persoas entre monitores e directores de tempo libre.