A Xunta mellorará as entradas do Camiño de Santiago na capital galega en catro puntos prioritarios
- O presidente Feijóo agradece “a cooperación e colaboración” do Concello de Santiago, con quen se asinará un protocolo
- Destínanse 4,2 millóns de euros para arranxar as zonas do polígono do Tambre, San Lázaro, Os Concheiros e Conxo
- As obras, que financia o Goberno autonómico, deberán estar rematadas no 2020
- Estudarase a posible extensión do plan a outras zonas, como a Vía da Prata, na zona de Castrón Douro e o Camiño Portugués ata a Ponte da Rocha Vella
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a aprobación do protocolo co Concello de Santiago para mellorar as entradas do Camiño na capital galega. Trátase dunha proposta impulsada pola Xunta que aceptou o Concello, que ten as competencias, polo que Feijóo recoñeceu “a cooperación e a colaboración” por parte da institución municipal. Este protocolo baséase nun informe urbanístico que se presentou o pasado mes de setembro.
Destinaranse 4,2 millóns de euros a mellorar a integración paisaxística das Rutas Xacobeas na cidade, con catro puntos prioritarios: a entrada do Camiño Inglés polo polígono do Tambre, onde se propón a creación dunha senda de peregrinación; o enlace entre a rúa do Gozo e a de San Lázaro no Camiño Francés, onde se substituirá a escaleira de pedra por unha pasarela entre outras medidas; a entrada na rúa dos Concheiros, tamén no Camiño Francés, onde se propón prantar árbores e mellorar as fachadas traseiras da rúa do Home Santo e construír un aparcadoiro para reducir o intenso tráfico, e a contorna do hospital de Conxo na entrada do Camiño Portugués.
Tal e como explicou o presidente, o Goberno galego financiará a redacción dos documentos técnicos e de execución e pagará as obras, que deberán estar executadas en 2020. O Concello, pola súa banda, deberá poñer á disposición da Xunta os bens e terreos necesarios, dentro do perímetro urbano, realizar os trámites precisos para cumprir os obxectivos do protocolo e repoñer os equipamentos urbanos afectados polas obras.
As actuacións desenvolveranse en tres etapas. A primeira, o estudo da reordenación do cruce entre Os Concheiros, Avenida de Lugo e Rodríguez de Viguri, o punto de maior complexidade técnica, xa está iniciada. A segunda, a redacción dos proxectos de execución, comezará proximamente, unha vez xa se acadou o acordo co Concello. A terceira, que que se vai desenvolver entre 2018 e 2019, consiste na execución das catro actuacións propostas e a súa posible extensión a outros puntos do camiño, como a Vía da Prata, na zona de Castrón Douro e o Camiño Portugués ata a Ponte da Rocha Vella.
O seguimento dos avances corresponderá a un grupo de traballo integrado por tres membros da Xunta e outros tres do Concello. Feijóo enmarcou este protocolo no conxunto de medidas que se están a levar a cabo para preparar o Xacobeo de 2021 e mellorar a acollida que prestamos aos peregrinos, como o arranxo o Monte do Gozo e o Plan estratéxico e director do Camiño, que coordina todas as actuacións.
Outras novas
-
Sun Apr 26 14:00:00 CEST 2026
O circuíto da Xunta ‘Cultura no Camiño’ chegará este verán a 90 concellos das rutas xacobeas
-
Tue Apr 21 09:00:00 CEST 2026
Turismo de Galicia destina máis de 300.00 euros a accións promovidas por asociacións de amigos do Camiño
-
Sat Apr 18 14:00:00 CEST 2026
Turismo de Galicia inviste máis de medio millón de euros na mellora da seguridade da Vía da Prata