18/xan/2017

O Camiño de Santiago convértese nun dos grandes protagonistas de Fitur, tras un ano récord no ámbito xacobeo

  • A icona máis universal de Galicia actuou neste primeiro día do certame como carta de presentación e elemento diferenciador da comunidade galega
  • Nava Castro resalta que no pasado 2016 selaron a súa Compostela un total de 278.232 peregrinos superando, así, a cifra do último Xacobeo 2010
  • Cita diversas iniciativas postas en marcha co obxectivo de fomentar a divulgación e impulsar el fenómeno xacobeo entre as que destaca a nova guía ‘Lugares xacobeos en Compostela e a súa contorna’
  • Pon en valor a importancia de que o Camiño se consolide como un recurso accesible para todos, resaltando as intervencións na Rede Pública de Albergues

O Camiño de Santiago foi hoxe un dos grandes protagonistas do espazo dedicado a Galicia na Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur. A nosa icona máis universal actuou nesta primeira xornada do certame como carta de presentación e elemento diferenciador da oferta turística da comunidade galega.

A directora de Turismo de Galicia destacou que o Camiño de Santiago continúa sendo un verdadeiro nexo de unión entre os pobos, inspirador de proxectos conxuntos e un verdadeiro impulsor do desenvolvemento e a posta en valor dos territorios e do seu valioso patrimonio material e inmaterial.

Neste senso, Nava Castro resaltou que a Ruta Xacobea continúa en pleno auxe sendo o ano 2016 un ano récord ao selar a súa Compostela un total de 278.232 peregrinos. “Unha cifra histórica que supera o dato acadado no último Xacobeo 2010”, explicou.

A responsable de Turismo da Xunta afirmou que é fundamental ser conscientes da importancia do Camiño para o futuro da comunidade galega e da necesidade de abordar o fenómeno xacobeo desde todas as ópticas posibles. “Esa foi unha das motivacións polo que puxemos en marcha o Plan Director do Camiño de Santiago, para ter unha ferramenta de xestión na que se establecesen as directrices necesarias para conseguir a conservación e a protección do Camiño en Galicia”, sinalou.

No marco deste plan, Nava Castro falou de diversas iniciativas postas en marcha co obxectivo de fomentar a divulgación e impulsar el fenómeno xacobeo. Así, entre outras, destacou a nova guía ‘Lugares xacobeos en Compostela e a súa contorna’, unha publicación que, a través das súas máis de 40 páxinas, fai un repaso aos numerosos lugares xacobeos que acolle a meta do Camiño de Santiago e a súa contorna.

Segundo explicou, esta guía propón un total de 16 itinerarios a través dos cales coñecer máis de preto o fenómeno xacobeo e a orixe do Camiño de Santiago. “Unha documentada publicación que permite profundar neste fenómeno universal a través da visita á capital galega e a súa contorna”, engadiu.

Por outra parte, a directora de Turismo de Galicia puxo en valor a importancia de que o Camiño de Santiago consolídese como un recurso accesible para todos. Neste senso, destacou as intervencións levadas a cabo en materia de accesibilidade no Camiño grazas as cales hoxe todos os albergues da Rede Pública de Albergues dispoñen dunha habitación destinada a persoas con discapacidade e aseos habilitados para estes peregrinos.

“Unha importante iniciativa para mellorar as condicións de accesibilidade e garantir o dereito destes cidadáns ao acceso aos recursos turísticos, favorecendo a súa integración social e incrementando, así, a calidade da oferta destes establecementos”, concluíu.
Camiño Francés

O espazo galego albergou tamén no día de hoxe unha presentación sobre os municipios galegos polos que transcorre o Camiño Francés a Santiago.

Durante o acto, a directora de Turismo de Galicia destacou as importantes distincións coas que conta esta Ruta Xacobea declarada Primeiro Itinerario Cultural Europeo, Ben de interese cultural e Patrimonio da Humanidade.

Ademais, Nava Castro explicou que non só é o Camiño máis distinguido dos que levan a Santiago senón tamén o máis transitado polo que, segundo resaltou, necesita un valor máis alto de protección así como unha atención aos peregrinos continuada.

Neste senso, sinalou que o pasado ano, foi o itinerario escollido por máis do 63% dos peregrinos que obtiveron o seu Compostela sendo percorrida por un total de 176.332.