Conde destaca na Fonsagrada o papel do Camiño de Santiago como dinamizador económico do rural galego
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou esta tarde o importante papel do Camiño de Santiago como dinamizador turístico e económico, de xeito especial en localidades do rural como A Fonsagrada, un concello que conta cun importante patrimonio natural e cultural.
Conde, acompañado polo xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, visitou na localidade lucense as instalacións de Casa Pasarín, onde se ubicará un Centro de Atención e Albergue de Peregrinos. Alí lembrou que o recoñecemento do Camiño Primitivo como Patrimonio Mundial en 2015 permite que cada vez máis xente se anime a coñecer a zona, o que contribuirá á creación de emprego e riqueza e á fixación de poboación.
Neste sentido, segundo os datos da Oficina do Peregrino, o ano pasado percorreron o Camiño Primitivo 11.428 persoas, preto dun 40% máis que no ano anterior, e no que vai de 2016 superouse xa a cifra de 10.000 peregrinos, sendo a cuarta Ruta Xacobeo máis transitada.
Tal e como sinalou o conselleiro na súa visita, o Camiño Primitivo, que é o itinerario utilizado polos primeiros peregrinos a Santiago de Compostela, destaca polo seu alto valor natural e por percorrer paisaxes cheas de beleza e que conservan numerosos bens de alto valor patrimonial. Entre eles, atópase Casa Pasarín, ou Palacio de Penamaría, un edificio catalogado que se sitúa en plena zona vella da Fonsagrada.
Outras novas
-
Tue Apr 28 13:00:00 CEST 2026
Rueda destaca o “crecemento espectacular” do Camiño Portugués da Costa, que multiplicou a súa afluencia na última década