Almería acolle a exposición itinerante do Xacobeo ‘Camiño de Santiago. Unha biografía en imaxes’
A exposición itinerante “Camiño de Santiago. Unha biografía en imaxes” está aberta ao público no Centro de Interpretación Micolóxica de Abla, na cidade de Almería, ata o vindeiro 13 de xullo. A actividade está organizada polo Xacobeo e conta coa colaboración da Asociación Jacobea de Almería Camino Mozárabe e do municipio de Abla.
A mostra recolle o traballo de prestixiosos fotógrafos galegos como Delmi Álvarez, Fernando Bellas, Tino Martínez, Javier Teniente, Xulio Villarino e Tino Viz. Dende o seu particular punto de vista, estes artistas fixan os seus obxectivos no patrimonio monumental, as iconas xacobeas, a experiencia do Camiño e a emoción da chegada.
A exposición amosa as paisaxes históricas da ruta xacobea e a súa riqueza humana, recollendo imaxes de lugares do Camiño Francés, da cidade de Santiago e de Fisterra. Destaca a beleza da experiencia xacobea e a identificación do home coa natureza e coa historia, co tempo pasado e co ritmo cotiá dun camiño universal e aberto que conclúe en Compostela.
O horario de apertura é de luns a venres, entre as 8:00 e as 15:00 horas, con posibilidade de visitas concertadas, previa cita, os sábados e domingos entre as 12:00 e as 14:00 horas.