28/mai/2016

O xerente do Xacobeo participa en Italia no XXVIII Encontro Compostelán sobre o Camiño de Santiago

O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, participou esta fin de semana nos actos realizados en Perugia (Italia) con motivo do XXVIII Encontro Compostelán que anualmente organiza o Centro Italiano de Estudos Composteláns e a Confraría de San Jacopo di Compostella.

Nesta edición aproveitouse o encontro para presentar o libro homenaxe ao profesor Paolo Caucci, actual presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño, con motivo do seu 75 aniversario e pola súa extensa traxectoria traballando a prol da ruta xacobea. Tamén se inaugurou a nova sede da Confraría, unha das máis importantes de Europa pola súa entrega, e se realizaron outras actividades dirixidas á valorización do legado cultural da peregrinación.

Homenaxe a Paolo Caucci
O profesor Paolo Caucci é un dos grandes referentes internacionais da cultura xacobea e ten unha extensa traxectoria profesional dirixida a poñer en valor o papel integrador e vertebrador do Camiño de Santiago na creación de Europa.

Entre os numerosos cargos que desempeña no campo da investigación e divulgación xacobea cabe subliñar que é presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, dende 1992, e fundador e presidente do Centro Italiano de Estudos Composteláns da Universidade italiana de Perugia, así como reitor da Confraría de San Jacopo di Compostella.

O profesor ten recibido numerosas condecoracións que acreditan os seus méritos, como a Medalla Castelao da Xunta de Galicia (1993), a Encomenda de Isabel a Católica do Goberno de España (1999) ou a Medalla de Ouro da Cidade de Santiago ao Mérito Cultural (1999). Ademais, é presidente do comité científico ou de redacción de varias publicacións especializadas na ruta xacobea, autor de ensaios e libros sobre a peregrinación e impulsor de numerosos eventos a redor da materia.