O Xacobeo promociona o Camiño de Santiago en dúas xornadas en Madrid e Albacete
Representantes do Xacobeo participaron onte en actividades de promoción do Camiño de Santiago que se desenvolveron en Madrid e en Albacete para dar a coñecer, dende diferentes puntos, a cultura xacobea.
Dunha banda, o responsable da área de cultura xacobea da entidade impartiu a conferencia “O Camiño de Santiago. Peregrinación e cultura pola ruta das estrelas”, que foi o acto central das Xornadas Santiagueñas Matritenses que organiza a Confraría do Apóstolo Santiago de Madrid na capital española.
Doutra banda, o responsable de asociacionismo do Xacobeo pronunciou a conferencia O Camiño de Santiago: pasado, presente e futuro no marco das V Xornadas do Camiño de Santiago en Caudete (Albacete). Este encontro foi organizado pola Asociación de Amigos da Ruta Xacobea da localidade.
Estas actividades son exemplo da colaboración que Turismo de Galicia mantén coas asociacións de amigos do Camiño de Santiago e outras entidades dedicadas a favorecer a difusión dos valores e o significado da peregrinación a Santiago.
Na actualidade existen máis de 300 asociacións de amigos do Camiño espalladas polos cinco continentes. Estas entidades son grandes voces de prescrición da ruta e realizan un traballo continuado a favor da promoción da cultura xacobea e do espírito da peregrinación.