14/mai/2013

Feijóo inaugurou o novo albergue de peregrinos de Betanzos

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asistiu á posta en marcha do albergue de peregrinos da Xunta de Galicia en Betanzos

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou que co inicio, a partir de xuño, do Oitavo Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Galicia “poñeremos outra vez o Camiño en Europa, desde Xerusalén, Asís e Santiago, a disposición de miles de peregrinos”. 

Durante a posta en marcha do albergue de peregrinos da Xunta de Galicia en Betanzos, Feijóo afirmou que os Camiños seguen a ser un atractivo turístico fundamental que, lonxe de minguar, activan e potencian o turismo rural, o turismo verde, o turismo gastronómico e o turismo Atlántico de Galicia. 

Nesta liña, o presidente autonómico avanzou que o Goberno galego está a traballar xa no Xacobeo do ano 2021, ampliando e conservando os albergues, que contan con preto de 500 novas prazas desde 2010 e nos que se levan investido arredor de 9 millóns de euros desde o ano 2009.

Así mesmo, precisou que a Xunta fará fincapé no Camiño inglés, onde se abrirá o próximo albergue no municipio de Carral. “Estamos polo tanto, facendo máis Camiño”, aseverou logo de resaltar que os datos do sector acompañan ese traballo.