4/xan/2013

A rede pública de albergues do Xacobeo rexistrou no 2012 un total de 343.580 pernoitas de peregrinos

A rede pública de albergues xestionada pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo rexistrou de xaneiro a decembro de 2012 un total de 343.580 pernoitas. En total 213.000 pernoitas rexistráronse nos albergues do Camiño Francés; 46.463 no Camiño Portugués; 22.795 no Camiño de Fisterra-Muxía; 22.221 no Camiño do Sueste; 20.685 no Camiño do Norte; 13.829 no Camiño Primitivo e 4.587 pernoitas foron rexistradas nos albergues do Camiño Inglés a Santiago.

A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo detectou na análise das pernoitas dos albergues que constitúen a rede pública de aloxamento dos Camiños a Santiago que as rutas que experimentaron crecemento no que a número de pernoitas se refire foron o Camiño Inglés, o Camiño Norte e mais o Camiño Portugués.

A rede pública de albergues da Xunta de Galicia abarca 69 aloxamentos que ofrecen aos camiñantes 3.213 prazas neste momento. Ao longo deste último ano 2012 implementáronse 34 novas prazas no Camiño Primitivo grazas á apertura dun novo albergue en Castroverde. Tamén se abriu un albergue en Viladerrei-Trasmiras que oferta 30 novas prazas no Camiño do Sueste. O albergue de Boimorto, na antiga Telleira da Baiuca, foi o último en abrir no Camiño do Norte e conta con 34 prazas. Por último, abriuse un novo aloxamento público para os camiñantes en Pontecesures, que dota de 52 novas camas ao Camiño Portugués.