30/set/2012

O Museo Diocesano de Barcelona acolle a exposición "A la luz del Calixtino. El Códice de Santiago" organizada polo Xacobeo

Unha mostra didáctica sobre a historia e os contidos do Calixtino, o ambiente cultural no que naceu, a mentalidade da época, a catedral e a cidade de Santiago no século XII e unha síntese da historia do camiño de peregrinación e os seus valores culturais poderá verse a partir de mañá día 1 de outubro no Museo Diocesano de Barcelona ata o vindeiro día 14.

O proxecto expositivo, organizado pola S.A de Xestión do Plan Xacobeo da Secretaría Xeral para o Turismo en colaboración coa Fundación Catedral de Santiago e mais co Museo do Pobo Galego,  inclúe como complemento importantes exemplos da creatividade artística contemporánea, en especial as láminas orixinais de Francisco Leiro que acompañan á primeira edición íntegra en galego do Codex.

A seguinte itinerancia desta exposición, que leva por nome A la luz del Calixtino. El Códice de Santiago  está previsto que sexa a Madrid.