7/ago/2012

O Xacobeo prepara unha exposición itinerante sobre o Códice Calixtino

A Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia, a través da  S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, está a preparar unha completa  exposición sobre o Códice Calixtino que percorrerá dende o próximo mes de setembro e durante 2013 diferentes cidades españolas e estranxeiras. Entre as españolas figurarán, polo de agora, Madrid, León e Málaga. A exposición tenta satisfacer a enorme expectación causada polas vicisitudes do Códice Calixtino, dende a súa desaparición ata a súa recuperación. Ao tempo, a mostra terá por obxecto presentar Galicia como destino turístico.

Tratarase dunha mostra didáctica  sobre a historia e contidos do Calixtino, o ambiente cultural no que naceu, a mentalidade da época, a catedral e a cidade de Santiago no século XII e unha síntese da historia do Camiño de Santiago e dos seus valores culturais. Como complemento, incluiranse exemplos de creatividade artística contemporánea, en especial as láminas orixinais de Francisco Leiro que acompañan á primeira edición íntegra en galego do Códice, editada pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.