9/xul/2012

Santiago acollerá no verán de 2013 a 2ª Edición do Seminario do Institute for Pilgrimage Studies

Por primeira vez, un grupo de estudantes universitarios americanos do College of William & Mary  (Virginia) viaxaron a Santiago de Compostela para participar no primeiro seminario do Institute for Pilgrimage Studies. Trátase dunha experiencia inédita que foi coordinada polo hispanista e experto en cultura xacobea, George Greenia e mais pola socióloga Kathleen Jenkins.

O Institute for Pilgrimage Studies foi creado o ano pasado por un grupo de profesores e investigadores de máis de 40 universidades estadounidenses e canadianas, que teñen a súa sede no College of William & Mary, unha das universidades máis antigas dos Estados Unidos.

Os estudantes que forman parte deste proxecto que conta co asesoramento e a colaboración da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, presentaron os seus traballos de investigación, conformados por teoría e labor de campo. Economía, experiencias sociais, peregrinacións penitenciais, relixións comparadas, espiritualidade ou gastronomía foron algúns dos temas dos traballos realizados que permitiron xerar unha importante base de coñecemento dende unha perspectiva moi profesional, con gran rigor intelectual e coa riqueza dos estudos interdisciplinares e internacionais.

George Greenia e Kathleen Jenkins confirmaron que para o ano vindeiro regresarán con máis grupos e durante máis tempo, así como con estudantes doutras universidades e novos conferenciantes de apoio.