A Xunta de Galicia inaugura en París a exposición audiovisual “Memoria de Peregrinación”
O próximo venres, día 13 de xaneiro, ás 18.30 horas, inaugúrase na Sala René Capitant, na céntrica Praza do Panteón de París, a exposición audiovisual organizada pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo “Memoria de Peregrinación. Camiño de Santiago, primeiro itinerario cultural europeo.” Á inauguración asistirá a xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Camino Triguero, así como representantes das entidades colaboradoras: Adeline Rucquoi, presidenta da Asociación Francesa de Amigos do Camiño de Santiago, e Jean Tiberi, alcalde da municipalidade do Distrito V de París.
Esta exposición audiovisual consta dun total de 52 fotografías e un vídeo de 15 minutos realizados polos artistas de Monforte de Lemos Manuel Valcárcel, fotógrafo, e Alexandre González, músico. Ambos realizaron unha peregrinación por Europa percorrendo Hungría, Eslovaquia, Austria, Eslovenia, Croacia, Italia, Francia e España. Froito desta peregrinación e da súa visión persoal do Camiño é esta mostra itinerante que ao longo do ano 2011 visitou as cidades de Bucarest, Sofía, Zagreb e Santiago. As fotografías recollen patrimonio, monumentos, peregrinos e todas as circunstancias do Camiño nas que estes artistas pousaron a súa particular mirada; no vídeo inclúese unha banda sonora orixinal de Alexandre González.
A exposición permanecerá ata o día 23 de xaneiro.
Outras novas
-
Sat Apr 18 14:00:00 CEST 2026
Turismo de Galicia inviste máis de medio millón de euros na mellora da seguridade da Vía da Prata
-
Fri Apr 10 14:00:00 CEST 2026
A Xunta e a Asociación de Amigos do Camiño promoven un Encontro de Corais o día 18 en Lugo
-
Tue Apr 07 13:00:00 CEST 2026
Xosé Merelles reafirma a folla de ruta da Xunta para un Xacobeo 2027 planificado e estruturado