Obras de restauración e posta en valor de bens patrimoniais na provincia de Lugo
A Consellería de Cultura e Turismo publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a formalización do contrato de obras de restauración e posta en valor de diferentes bens patrimoniais na provincia de Lugo por un importe total de 519.889 euros. De xeito detallado, a Xunta de Galicia adxudica a consolidación e acondicionamento da fortaleza de Tovar, no lugar de Canedo no Concello de Lourenzá por un importe de 211.601 euros. Á restauración e posta en valor do Camiño Francés ao seu paso por Barbadelo no Concello de Sarria, destinaranse 180.594 euros. Do mesmo xeito, as actuacións de consolidación estrutural e restauración dos cubos XXXVIII e LXVII da muralla romana de Lugo contarán cun importe total de 127.694 euros.
As obras de consolidación e acondicionamento da fortaleza de Tovar, no lugar de Canedo en San Tomé de Lourenzá, terán un importe de adxudicación total de 211.601 euros que será cofinanciado no 70 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013. As obras de consolidación descritas no proxecto de intervención poden resumirse no acondicionamento do inmoble para a súa posta en valor e posibilitar a súa visita en condicións de seguridade.
A Fortaleza de Tovar, construída en 1530, ten a consideración de Ben de Interese Cultural, coa categoría de monumento, pola súa natureza de castelo e edificación fortificada. Data da primeira metade do século XVI e foi levantada por Don Antonio de Tovar, home de confianza do emperador Carlos V, no mesmo lugar onde se situaba a Torre de Canedo do século XIII. Trátase dunha xoia do gótico isabelino e dun Ben de Interese Cultural que se atopa moi preto do Camiño de Santiago (Camiño do Norte). A súa posta en valor enriquecerá aínda máis esta ruta xacobea.
Plan de restauración e Posta en valor do Camiño
A Xunta de Galicia vén de anunciar a formalización do contrato de obras de restauración e posta en valor do Camiño Francés ao seu paso por Barbadelo no Concello de Sarria por un importe total de adxudicación de 180.594 euros. As actuacións do presente proxecto céntranse no espazo público do núcleo de San Silvestre, nos seus pavimentos e instalacións urbanas, para a minoración dos impactos das mesmas, así como na recuperación do elementos etnográficos como unha fonte e un lavadoiro do conxunto. Tamén se intervén no contorno da Igrexa parroquial de Barbadelo e do Albergue, axeitando a un deseño común as intervencións e dotando ao espazo dunha mellor calidade de uso e de mantemento. A parroquia de Barbadelo está situada no concello de Sarria (Lugo), pola que percorre o Camiño Francés a Santiago de Compostela.
Estas actuacións enmárcanse no Plan de Restauración e Posta en Valor dos Camiños de Santiago, elaborado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, que pretende rehabilitar e acondicionar os espazos públicos, carballeiras e patrimonio etnográfico do seu entorno co obxectivo de mellorar as condicións para o uso dos seus habitantes e dos peregrinos destas rutas. A actuación en Barbadelo é unha das doce actuacións programadas na etapa inicial do Plan que conta coa colaboración do 1% Cultural do Ministerio de Fomento.
Muralla de Lugo
A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo en relación coa responsabilidade de conservación e restauración da Muralla Romana de Lugo, está a levar a cabo traballos tanto de mantemento como de maior dimensión. Deste xeito, a Consellería de Cultura e Turismo adxudica a consolidación estrutural e restauración do lenzo interior do cubo XXXVIII, construción de nova rampla no contorno da Casa Torre e impermeabilización da escaleira do cubo LXXVII da muralla romana de Lugo, por un importe total de 127.694 euros, cofinanciado por unha subvención do Ministerio de Cultura.
A Xunta de Galicia anuncia a formalización deste contrato de obras que permitirá recuperar un tramo con problemas estruturais, outro con problemas de incompatibilidade de materiais e mellorar as condicións de accesibilidade, no mesmo mes da posta en marcha do Plan de mantemento para a Muralla de Lugo (2011-2014), que garantirá o coidado deste Ben de Interese Cultural durante os próximos catro anos por un importe total de 896.000 euros