29/dec/2011

Asinado o convenio para un novo modelo de xestión da Catedral de Santiago

O presidente da Xunta presidiu no Pazo de Raxoi a sinatura dos acordos de colaboración co Consorcio e coa Fundación Catedral.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou, esta mañá, que os convenios de colaboración co Consorcio da Cidade de Santiago e coa Fundación Catedral de Santiago poñen de manifesto o compromiso de que a catedral se revalorice cunha xestión eficaz.

Ao longo da súa intervención, Feijóo resaltou que a administración non foi allea ao destino do noso monumento máis universal. "Xa houbo actuacións previas da Dirección Xeral de Patrimonio relativas á conservación e restauración. E, hoxe, damos un paso máis. Xa non se trata de atencións puntuais, senón de convenios ambiciosos que aspiran a impulsar un novo modelo de xestión da catedral de Santiago, involucrando á Xunta, ao Consorcio e á Fundación Catedral", aseverou.

Para o presidente da Xunta, a creación dunha Oficina Técnica e a posta en marcha dun Plan Director, non fan máis que recoller e actualizar un acopio de experiencias que dura oito séculos. "Porque a catedral é un monumento á fe, á galeguidade e á cooperación".

Características do convenio entre a Xunta e o Consorcio de Santiago
A Xunta de Galicia e o Consorcio de Santiago veñen traballando, en colaboración co Cabido da Catedral de Santiago, na formulación de solucións que permitan, ademais de garantir a conservación do conxunto arquitectónico catedralicio, levar a cabo unha posta en valor do mesmo, que permita a súa sostibilidade económica. Con este convenio avánzase nunha fórmula de xestión autosostible do conxunto catedralicio, coa que os fondos públicos destinados á Catedral servirán para desenvolver un modelo que explote as súas potencialidades e asegure a continuidade das actuacións e o axeitado mantemento do monumento, a partir dos recursos que el mesmo xera.

Este convenio ten por obxecto a realización das actuacións necesarias para o desenvolvemento dun modelo de xestión autosostible da Catedral, que, partindo da valorización e explotación das súas potencialidades, garanta a continuidade temporal das accións de mantemento e control técnico das actuacións do Plan Director do Conxunto Catedralicio, así como do seu financiamento parcial cos recursos que se xeren e para a execución doutras actividades incluídas dentro do Plan de Inversións do Consorcio para o período 2011-2014.

Este convenio ten como finalidade o financiamento dos gastos de capital que asuma o Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela para:

  • As intervencións necesarias para a valorización turística e o acceso do público a distintos elementos arquitectónicos da Catedral de Santiago como o Museo Catedralicio, Pórtico de la Gloria, Torre das Campás, Torre do Reloxo, Pazo de Xelmírez e puntos de venda de produtos vinculados ao conxunto catedralicio.
  • A creación e posta en marcha da Oficina técnica da Fundación da Catedral de Santiago de Compostela, así como actuacións do plan de mantemento do conxunto catedralicio.
  • Actuacións urxentes de conservación da fábrica e as instalacións da Catedral.
  • A realización doutras actividades incluídas dentro do Plan de Inversión do consorcio para o período 2011-2014. Dentro destas actuacións inclúese o acondicionamento de parques da cidade histórica, a rehabilitación de monumentos e o apoio á rehabilitación de edificios privativos e locais comerciais, entre outras.

Para a execución deste proxecto, a Consellería de Cultura e Turismo contribuirá ata un importe total de catro millóns douscentos oitenta e dous mil cento trinta e sete euros (4.282.137,00 €)