A ópera "Dido e Eneas" pecha o ciclo Galicia Classics
O ciclo ‘Galicia Classics’, promovido pola Xunta de Galicia, a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, no marco do Ano da Música 2011, conclúe hoxe martes logo de ofrecer trinta concertos durante todo o presente ano na Comunidade galega. O Teatro Colón da Coruña acollerá ás 20,00 horas o colofón ao ciclo cunha produción integramente galega, a posta en escena da ópera ‘Dido e Eneas’, obra mestra de Henry Purcell, que ofrecerá a coral xuvenil Cantabile. Pablo Carballido dirixe a orquestra, mentres J. Carlos Guerra Silva asume a dirección de escena con decorados e vestiario realizados para a ocasión na Coruña.
A actuación de Cantabile, un dos máis prestixiosos coros xuvenís de España, súmase ás que ao longo de todo 2011 ofreceron artistas de primeira fila internacional como Daniel Barenboim, Mischa Maisky, Elina Garanca, John Eliot Gardiner, Georges Prêtre, Thomas Hampson, Philippe Jaroussky ou Esa-Peka Salonen, entre outros, nas sete principais cidades galegas. ‘Galicia Classics’ acolleu, ademais, dentro dos seus ciclos ‘Made in Galicia’ e ‘En Xira’, espectáculos e concertos como a ‘Opera dos tres reás’, en colaboración co Centro Dramático Galego, o XIV Ciclo da Asociación Galega de Compositores, con máis de vinte estreas de autores galegos, "O Soño dourado", dedicado á figura de Cunqueiro no seu aniversario, e unha homenaxe á canción culta galega que protagonizaron a soprano Carmen Durán e o director Maximino Zumalave.
Vinte e tres estreas de autores galegos en 2011
Durante todo o 2011, o Galicia Classics ofreceu máis de vinte estreas doutros tantos compositores galegos, mentres se publicaron dous cedés cunha boa parte das obras ofrecidas en primicia en 2010 no precedente deste festival, o Xacobeo Classics.
Dentro do seu apartado titulado ‘En Xira’, o Classics programou concertos conxuntamente coa Asociación Galega de Compositores, que arrancaron o 22 de marzo no Conservatorio Xan Viaño de Ferrol. Nesta citas participaron o Quinteto de metais ’Santa Cecilia’, Quinteto de vento ‘Pentafonía’, Cuarteto de cordas ‘Ginastera’, Orquestra e Coro Gaos e o pianista Antonio Queija Uz. Programáronse obras de autores de hoxe como Manuel Alejandre, Gabriel Bussi, Yerko Ivànovic, Antonio Peña, Joám Trillo, Xavier Comesanha, Ermitas García Ríos, Iván Rodríguez Armán, Gloria Rodríguez Gil e Xoán Antón Vázquez Casas, entre outros, ademais de autores galegos históricos como Marcial do Adaíl, Andrés Gaos, Juan Montes e Sebastián Canuto Berea. En total ofrecéronse vinte e tres estreas.
Outras novas
-
Sun Apr 26 14:00:00 CEST 2026
O circuíto da Xunta ‘Cultura no Camiño’ chegará este verán a 90 concellos das rutas xacobeas
-
Tue Apr 21 09:00:00 CEST 2026
Turismo de Galicia destina máis de 300.00 euros a accións promovidas por asociacións de amigos do Camiño
-
Sat Apr 18 14:00:00 CEST 2026
Turismo de Galicia inviste máis de medio millón de euros na mellora da seguridade da Vía da Prata