4/ene/2012

Xacobeo inaugura o albergue de peregrinos de Pontecesures, que ofrecerá 53 novas prazas no Camiño Portugués

A directora xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Camino Triguero, inaugurou esta mañá un novo albergue de peregrinos no concello pontevedrés de Pontecesures, un inmoble situado no Camiño Portugués que ofrecerá 54 novas prazas, unha delas destinada a persoas con mobilidade reducida, para os peregrinos que elixan percorrer esta ruta. Coa inauguración deste novo equipamento, a rede pública de albergues conta xa con 65 instalacións.

No acto, a xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores, e polo alcalde de Pontecesures, Manuel Luís Álvarez Angueira.

Na construción do albergue, situado na Estrada das Escolas, no lugar de Infesta, investíronse máis de 419.000 euros. O inmoble foi construído mediante a rehabilitación de catro antigas vivendas de mestres. Esta obra supón a recuperación dun espazo en desuso coa conseguinte posta en valor dun importante entorno urbano dedicado a servizos sociais.

O albergue de Pontecesures distribúese en dúas plantas. No primeiro andar atópanse os servizos de cociña, comedor, baños e lavandería, así como o dormitorio destinado a persoas con mobilidade reducida. No andar superior atópanse as 52 prazas restantes, distribuídas en dous dormitorios, e os aseos.

Con este novo albergue increméntase o número de prazas no Camiño Portugués, a segunda ruta xacobea máis transitada tras o Camiño Francés. Só en 2011 empregaron este camiño de peregrinación para chegar a Santiago un total de 22.067 persoas.