O DOG publica a delimitación do Camiño Francés
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a delimitación oficial do Camiño Francés, aprobada o pasado día 1 de decembro polo Consello da Xunta e que cumpre a obriga establecida pola Lei 3/1996 de protección dos Camiños de Santiago de delimitar a ruta principal do Camiño de Santiago. A delimitación establece o trazado definitivo do Camiño Francés, fixa os límites do territorio histórico que conforma este Ben de Interese Cultural e determina o seu ámbito de influencia, denominado no decreto como zona de amortiguamento ou de respecto.
A xestión do territorio articúlase así nunha gradiante de intensidades valoradas en detalle e cun réxime de particular incidencia protectora nos primeiros 30 metros, unha protección como BIC do territorio histórico e un ámbito de respecto que, conforme aos últimos criterios das políticas da paisaxe e tratamento sustentable dos espazos, permitirá unha permeabilización e consideración axeitada das obras, actividades e intervencións a realizar. Déixase atrás unha protección lineal, provisioria e indiferenciada e se desenvolve un entendemento do territorio con parámetros que conxugan protección, recuperación e dinamización.
A Xunta de Galicia define este ámbito secundario de influencia, merecedor dunha protección medioambiental adicional á do sitio principal, na liña do recollido nas Directrices Operativas do 2008 para a aplicación da Convención sobre a protección de Patrimonio Mundial Cultural e Natural de 1972, ratificada por España. Deste xeito, a Consellería de Cultura e Turismo recoñece o amplo valor cultural desta vía de peregrinación a Santiago e preserva a relación harmónica do Camiño coa paisaxe, mantendo a relación ambiental co espazo do que resulta inseparable. A nova delimitación axusta o ámbito de protección ás necesidades concretas de protección do Camiño Francés, determinando criterios axeitados para mellorar a xestión da Ruta Xacobea e dinamizar a tramitación dos expedientes de autorización de obras neste territorio. O axuste dos ámbitos de protección ao territorio realmente afectado permitirá así graduar e intensificar a eficacia na posta en valor do Camiño de Santiago e o seu entorno. Neste sentido, a aprobación da delimitación posibilita iniciar agora a formulación do Plan Especial do Camiño Francés, tamén previsto na Lei 3/96 de protección dos Camiños de Santiago.
Tras a aprobación da delimitación do Camiño Francés, a Xunta de Galicia ordenará a súa inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e notificará o acordo ao órgano competente do Ministerio de Cultura. Comunicarase ademais aos concellos afectados que, ata a aprobación do Plan Especial do Camiño Francés, calquera intervención que pretenda realizarse no ámbito do Ben de Interese Cultural deberá ser autorizada pola Consellería de Cultura e Turismo con carácter previo á concesión da correspondente licenza municipal. Do mesmo xeito, os promotores dos plans, programas e proxectos de obras cuxa realización se propoña levar a cabo na zona de respecto deberán presentar un estudo previo específico de afección sobre o territorio histórico do Camiño Francés.
A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, acometerá de modo inmediato a recuperación dos tramos agora definidos e que poidan estar en desuso. Procederase tamén á axeitada sinalización das trazas sinaladas do Camiño Francés coas correspondentes distincións daquelas que se correspondan cos trazados complementarios e cos tramos con vestixios históricos. O decreto publicado hoxe no DOG contempla ademais que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural publique na páxina web da Consellería de Cultura e Turismo unhas instrucións que recollan os criterios e determinacións básicas de ordenación e deseño referentes ás intervencións que afecten aos ámbitos de protección do Camiño, contribuíndo a garantir unha axeitada protección do ben e a preservar a interrelación global da ruta de peregrinación co territorio de acollida.
A delimitación do Camiño Francés aprobada hoxe afecta a un total de 11 concellos das provincias da Coruña e Lugo. Abarca desde a entrada no municipio de Pedrafita do Cebreiro ata o termo municipal do Pino, con límite no lugar de Amenal. No caso do Concello de Santiago, a Xunta e Galicia optou ademais por un tratamento singular e integral do seu territorio ao ser o punto de chegada de todas as Rutas Xacobeas.