A asociación ‘Vlaams Genootschap’ de Bélxica recibe o XVI premio Elías Valiña
O comité de expertos internacional, reunido esta mañá no Centro Galego de Arte Contemporánea e presidido polo director xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel, concedeu o XVI Premio Elías Valiña á asociación flamenca Vlaams Genootschap van Santiago de Compostela. O xurado recoñece con esta decisión o traballo da asociación de Bélxica pola dinamización das vías xacobeas históricas e realización de estudios xacobeos de carácter científico. O premio promovido pola Consellería de Cultura e Turismo conta cunha dotación económica de 10.000 euros.
Na súa resolución, o comité de expertos premiou á institución procedente de Bélxica polo seu labor de recuperación de vías históricas, algunhas dela mencionadas no Códice Calixtino, no territorio de Flandes, como a Via Monastica, Via Brabantica, Via Brugensis, Via Scaldea e a Via Limburgica. Asemade a Vlaams Genootschap foi merecedora do galardón debido as súas accións de promoción das rutas e polas labores de investigación histórica. Esta asociación flamenca realizou publicacións de carácter científico de gran prestixio en relación ao Camiño de Santiago, colabora na xestión de albergues e traballa na reinserción social de presos nas rutas de peregrinación.
O comité de expertos decidiu asemade distinguir cunha mención especial ao sacerdote cántabro Ernesto Bustio Crespo, pola súa hospitalidade tradicional de raíz cristiá. A Asociación de Amigos de Santiago do Bierzo, a Asociación de Amigos de Santiago de Gipuzkoa e a Asociación de Amigos de Santiago de Ávila foron destacadas como candidaturas meritorias polo traballo realizado en prol do seu esforzo revitalizador e promocional dos Camiños en Santiago.
O xurado do premio Elías Valiña resaltou a alta calidade das 10 candidaturas presentadas por asociacións de envergadura nesta XVI edición que contribúen ao prestixio do premio Elías Valiña. Formaron parte deste xurado, o catedrático de Historia Medieval da Universidade de Santiago de Compostela e membro do Comité de Expertos do Camiño de Santiago, Fernando López Alsina; o presidente do Comité Internacional de Expertos del Camiño de Santiago, Paolo Caucci; Antón Pombo, membro do Comité Asesor do Camiño de Santiago e experto investigador de temas xacobeos; o presidente da Asociación Xacobea da Fonsagrada, Juan Jose Molina; o secretario da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Astillero e Cantabria, Luis Torcida; o presidente do Grupo de Estudio de Actualidad, Julio Ramón Rodríguez González; a representante da asociación Fränkische St. Jakobus Gesellschaft e gañadora da edición 2010, Valentine Lehrmann; e o técnico do Servizo de Inventario e Planeamento da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio, Antonio Díaz Otero.
A Consellería de Cultura e Turismo creou por Orde do 27 de agosto de 1996 o Premio Elías Valiña ao esforzo revitalizador e promocional dos camiños de Santiago co fin de estimular o labor de persoas que, como Elías Valiña Sampedro, unha das persoas con maior compromiso cos camiños de Santiago, dedicaron gran parte da súa actividade á recuperación e promoción das Rutas Xacobeas, levando a cabo tarefas de sinalización, limpeza, enumeración quilométrica, e incluso fomentando a creación de asociacións de amigos do Camiño que velen pola conservación das respectivas parcelas ao longo das rutas xacobeas.
Outras novas
-
Tue Apr 28 13:00:00 CEST 2026
Rueda destaca o “crecemento espectacular” do Camiño Portugués da Costa, que multiplicou a súa afluencia na última década