Cultura e Turismo estreita relacións cun consorcio de universidades de Estados unidos e Canadá para a difusión do Camiño
O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, reuniuse en San Caetano co profesor no Departamento de Español e Portugués do William and Mary College de Virginia, George Greenia para afondar nos proxectos de colaboración en marcha entre a Xunta de Galicia, a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, e o “Consorcio de Universidades para a investigación das peregrinacións e o Camiño de Santiago”, formado por máis de 40 centros de Estados Unidos e Canadá, algún deles considerados entres os 100 mellores do mundo. Para a Consellería de Cultura e Turismo, trátase dun proxecto estratéxico para a difusión e a promoción do Camiño, Santiago e Galicia en Norteamérica.
O Consorcio de Universidades está a desenvolver un plan de estudos sobre o Camiño de Santiago e o fenómeno das peregrinacións en xeral, dotando de rango curricular ás investigacións e experiencias sobre a Ruta Xacobea en diferentes campos, tales como relixión, estudos hispánicos, a antropoloxía, historia da arte, historia medieval ou socioloxía. Entre os centros que forman parte deste grupo de traballo poden destacarse a Universidade de California-Los Ángeles, Purdue University, Universidade de Michigan, Universidade de Florida, Washington University of Saint Louis, Universidade de Minnesota ou a Fordham University.
No marco da colaboración entre a Xunta de Galicia e as Universidades norteamericanas, a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, organizou dous encontros coa presenza de máis de 40 centros universitarios de Estados Unidos e Canadá, algúns deles considerados entre os cen mellores do mundo. En colaboración coa Biblioteca do Congreso de Estados Unidos, a embaixada española en Washington, o American Film Institute e o William and Mary College, estas reunións abordaron o fenómeno das peregrinacións e o Camiño de Santiago, e serviron para comezar a traballar na definición administrativa e de obxectivos do Consorcio. Ambas as dúas xuntanzas tiveron lugar en Washington, o pasado mes de febreiro na Universidade de Georgetown e en setembro no American Film Institut.
Seminario de investigación en Santiago
Enmarcado nesta labor, o profesor George Greenia está a impulsar a celebración dun seminario de investigación para alumnos destas universidades, co obxectivo de afondar nos estudos relacionados coa peregrinación, usando Santiago e o Camiño como base. O seminario desenvolverase durante oito semanas. As dúas primeiras serán de introdución e levaranse a cabo nas diferentes universidades en Norteamérica, mentres que as seis restantes serán xa en Santiago e no Camiño. A Xunta de Galicia, a través da S.A. de Xestion do Plan Xacobeo, colabora desde o principio con este proxecto e, neste momento, prepara xunto ao profesor George Greennia a organización en Compostela, entre o 21 de maio e o 29 de xuño de 2012, deste primeiro curso de formación de novos investigadores.
Os alumnos farán, polo menos, unha semana de Camiño, aínda que o obxectivo é que percorran as rutas xacobeas durante un total de tres. Os estudantes que opten por facer só unha semana de camiñada, empregarán as dúas restantes en facer traballos de investigación en diversos centros de Galicia, como arquivos ou museos. Os cursos que formarán parte deste seminario terán un carácter multidisciplinar e estarán dirixidos á formación de investigadores nas diferentes temáticas relacionadas co Camiño de Santiago e a peregrinación. Os temas estarán concibidos a través dunha óptica que abrangue desde a historia á economía, socioloxía, influencia na saúde do feito de peregrinar ou o dereito internacional.
Ademais do seu labor como profesor no Departamento de Español e Portugués do William and Mary College en Williamsburg (Virginia), George Greenia é editor da revista de estudos hispanicos ‘La Coronita’ e membro da ‘American Pilgrim on the Camino’. En 2007 recibiu a ‘Cruz de Isabel la Catolica’ polo seu traballo de difusión da cultura española en Norteamérica, difusión na que xogou un destacado papel o Camiño de Santiago. Na actualidade acaba de fundar un Instituto de Estudos da Peregrinación na Universidade e traballa como promotor do Consorcio de Universidades para a investigación da peregrinación e do Camiño de Santiago.