A torta de Santiago, símbolo protexido da repostaría galega
É a torta máis famosa da Ruta Xacobea e da cociña galega, e podes botarlle o dente en calquera poboación do Camiño de Santiago. A torta de Santiago é tan famosa e glorificada, que mesmo ten o seu espazo propio na Wikipedia. Ademais, foi protexida pola Unión Europea recentemente coa publicación do regulamento da Identificación Xeográfica Protexida (IXP) da torta de Santiago, que regula os criterios de calidade deste doce, que debe levar un 33% de améndoa e un 25% de ovo como mínimo.
O regulamento da UE precisa o ámbito xeográfico da torta de Santiago –a totalidade de Galicia– e asume que ten 432 anos de historia: “A noticia máis antiga sobre a elaboración e consumo do biscoito de améndoa, hoxe coñecido como torta de Santiago, procede de 1577, no contexto da inspección que Pedro de Portocarrerorealizou á Universidade de Santiago, e a súa investigación sobre as comidas que daban aos profesores”.
Os ingredientes bases da torta de Santiago son: améndoas moídas, fariña, ovos, azucre e reladura de limón.
Unha boa torta de Santiago debe ter un intenso sabor a améndoas e unha textura esponxosa e suave ao padal.
Se che animas a facela na túa cociña, dámosche a receita:
Ingredientes:
- 250 gr. de améndoa moída
- 200 gr. de azucre
- 4-5 ovos
- Reladura de limón
- 100 gr. de manteiga
- 175 gr. de fariña
- 1 pequena culler con canela moída
- 1 vaso de auga
- Azucre glass.
Bota os ovos nun bol e báteos. Engade a reladura de limón, o azucre e un belisco de canela en po. Cando todo estea ben batido, engade, aos poucos, a améndoa moída, removéndoo todo ben para que non queden grumos. Colle un molde largo e de paredes baixas, imprégnao coa manteiga e esparexe a fariña fina. Baleira a mestura no molde e méteo no forno, previamente quentado a 200º, e colócao o máis preto da parte baixa, mantendo a un tempo aceso o grill. Deixa que se faga ata que ao pinchalo cunha agulla, esta saia limpa, entón desmolda, colócao nunha fonte e esparexe a torta con azucre glass e canela en po. Coloca antes sobre a torta un molde coa cruz de Santiago para que quede debuxada no centro da torta. Agora só tes que deixala arrefriar ata a temperatura ambiente. E a gozala.
Outras novas
-
Wed Mar 25 20:00:00 CET 2026
A Xunta abre o prazo para que a cidadanía, empresas e entidades presenten iniciativas no programa ‘O Teu Xacobeo’
-
Wed Mar 11 14:00:00 CET 2026
A Xunta inviste 50.000 euros na rehabilitación da ponte municipal da Áspera en Sarria no Camiño Francés