A Vieira
A vieira é a insignia do peregrino e tamén da gastronomía galega. A Pecten maximus é un molusco bivalvo típico do mar de Galicia cuxa cuncha era prendida antigamente na roupa do peregrino para autenticar ao seu regreso que concluíra o Camiño.
Existe ademais unha lenda xacobea segundo a cal un mozo que cabalgaba pola praia coa súa esposa no día da súa voda, saíu en axuda duns navegantes a piques de naufragar pola forte ondada. Aquela embarcación transportaba os restos de Santiago. O mozo internouse nas augas sen desmontar do seu cabalo e unha xigantesca onda arrastrouno cara ás profundidades. O xinete invocou entón aos ceos e inmediatamente sentiu unha forza sobrenatural que o arrastrou cara á beira. Cabalo e xinete pisaron terra firme xusto no intre no que a barca que transportaba os restos do Apóstolo acadaba a beira. O mozo e a súa cabalgadura estaban completamente cubertos de cunchas de vieira. A súa salvación considerouse un milagre debido á intercesión do corpo de Santiago.
Pero ademais de ser símbolo xacobeo, a vieira galega goza dun gran prestixio como manxar. A Pecten maximus é un molusco bivalvo emparentado coas ameixas e as ostras que pode chegar ao medio quilo de peso e ter unha cuncha de máis de 15 centímetros. Trátase dun animal hermafrodita do que comemos o seu potente músculo abdutor (o cilindro branco central) e as gónadas, de cor alaranxada, cuxa base abrancazada é a glándula masculina e a parte vermella da punta é a feminina. A vieira é rica en calcio, ferro, fósforo e potasio.
Aínda que se pode preparar de moitos formas, hai unha receita tradicional galega para este molusco que fará as delicias de calquera peregrino: as vieiras gratinadas ao viño albariño. Prepáranse en catro sinxelos pasos:
- Limpar as vieiras deixando a carne e o coral dentro da cuncha.
- Refogar cebola pelada e picada finamente xunto co aceite e o xamón.
- Cando tome cor, agregar o pemento. Deixar rehogar de novo e engadir o viño. Reducir ata a metade e retirar do lume.
- Sazonar as vieiras e cubriras coa cebola e o xamón. Finalmente, espolvorear o pan relado e gratinar ata que a vieira estea cociñada.
Ingredientes para catro persoas
- 8 vieiras
- 3 cebolas
- 60 gramos de xamón serrano
- ½ cuchariña de pemento doce
- 250 ml de viño albariño
- an relado
- sal
- 1 chorriño de aceite de oliva virxe
Que aproveite.
Outras novas
-
Wed Mar 25 20:00:00 CET 2026
A Xunta abre o prazo para que a cidadanía, empresas e entidades presenten iniciativas no programa ‘O Teu Xacobeo’
-
Wed Mar 11 14:00:00 CET 2026
A Xunta inviste 50.000 euros na rehabilitación da ponte municipal da Áspera en Sarria no Camiño Francés