A terceira edición de 'Cultura no Camiño' achegará 316 actuacións escénica e musicais a 93 concellos das rutas xacobeas
A Agadic e Turismo de Galicia promoven este programa en colaboración cos municipios participantes e co patrocinio de Gadis.
O ciclo, enmarcado na conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela, desenvolverá a súa nova carteleira do 15 de abril ao 30 de setembro.
Na súa terceira edición, o programa xurdido ao abeiro da conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela despregará unha carteleira de 316 actuacións escénicas e musicais, protagonizadas por 138 formacións artísticas galegas. Neste sentido, articúlase como un circuíto de espectáculos que ademais de contribuír á descentralización da oferta cultural, amplía as posibilidades de distribución do teatro, a música, a danza, a maxia e o novo circo producidos de maneira profesional na nosa Comunidade.
En canto á distribución territorial da actividade, ‘Cultura no Camiño’ foi ampliando progresivamente o número de concellos implicados desde a súa primeira edición, celebrada na segunda metade de 2013. Todos os municipios participantes están situados nalgunha das rutas de peregrinación polas que discorre o Camiño de Santiago en Galicia: Camiño Francés, Camiño de Fisterra-Muxía, Camiño Inglés, Camiño Portugués, Camiño de Inverno, Ruta Xacobea do Mar de Arousa-Río Ulla, Camiño Primitivo, Camiño do Norte e Vía da Prata.