IGREXA PARROQUIAL DE SANTA MARÍA DE VILABADE

No Camiño de Santiago
No Camiño de Santiago

Igrexa

Localización

Parroquia: Vilabade (Santa María)

Lugar: Vilabade

27122  Castroverde - Lugo

Coordenadas: 43º 02' 08.0" N - 7º 18' 01.0" W



Fitos do Camiño

A tradición relaciona este templo coa viaxe de san Francisco de Asís cara a Oviedo en 1214, cando regresaba da súa peregrinación a Santiago. Segundo a tradición, o propio santo crearía aquí unha fundación. É posible que xa no século XIII existise unha pequena comunidade franciscana neste lugar, pero no XIV xa só sobrevivía a igrexa; o resto de dependencias conventuais teríase perdido seguramente por tratarse dunha pequena comunidade e polo carácter mendicante desta, que limitaba os seus recursos. Se isto fose así, a fundación franciscana que posteriormente tivo lugar, en 1457, sería unha  refundación.

Unha das dedicacións temperás desta comunidade foi a atención aos peregrinos. Pero en 1472 prodúcese un preito polo cal a igrexa pasa ao cabido lugués, o que supón a fin da súa vinculación á Orde franciscana.

Como reflexo destas circunstancias, a igrexa de Vilabade amosa elementos góticos moi destacados, pero tamén outros estilos xurdidos das transformacións dos séculos XVI, XVII e XVIII que lle confiren a súa aparencia actual. A fachada porticada da igrexa denota unha intervención neoclásica, mentres que se observamos o frontis interior e a fachada sur, na que segue un corredor, atoparémonos con abundantes elementos medievais. Así, o pórtico neoclásico introdúcenos nun frontal con portada gótica abucinada de gran beleza. No interior, entre elementos de indubidable pegada gótica, destaca o altar do século XVI e o retablo maior do século XVIII, obra do imaxineiro compostelán Francisco Lens, que presenta as características propias do chamado barroco de placas. Ademais, tamén posúe dous fermosos retablos laterais do século XVII, embutidos baixo arcos medievais. Obsérvanse tamén uns frescos interesantes de difícil adscrición debido á súa deterioración.

Esta igrexa posúe unha singular beleza, polo que gañou o apelativo de catedral de Castroverde. Foi declarada Monumento Histórico Artístico Nacional en 1979 e na actualidade está recoñecida como Ben de Interese Cultural (BIC).


Declaración

Ben de Interese Cultural


Camiños de Santiago

Camiño Primitivo



IGREXA PARROQUIAL DE SANTA MARÍA DE VILABADE

cargando mapa...

Descargue as coordenadas do recurso que lle presentamos ...

> Clic aquí para ter axuda sobre a descarga nos diferentes formatos