CAPELA DA SAGRADA FAMILIA
Localización
Parroquia: Olveira (Santa María)
Lugar: Campelos
15969 Ribeira - A Coruña
Coordenadas: 42º 36' 21.9" N - 9º 01' 38.9" W
Descrición
A capela, coñecida popularmente como a capela de Xesús, María e Xosé, pertence ao pazo de Gayoso, aínda que se atopa fóra do recinto e separada por unha pequena pista. Erixiuse nese lugar debido a que alí había dúas sobreiras que haberían de protexela, e dos cales só se conserva unha.
A capela, de grande encanto e sinxeleza, é de planta rectangular cunha única nave dividida en dous tramos por un arco de medio punto apoiado en dúas pilastras pegadas ao muro. A cuberta é a dúas augas con tella curva do país e os seus muros son de cadeirado de granito. Dous pequenos vans ábrense a cada lado do presbiterio. A fachada, segundo as características da bisbarra, é dunha grande sinxeleza simétrica. Iníciase cunha porta rectangular sen decoración, sobre a mesma unha fornela, contendo un relevo en granito da Sagrada Familia, moldurada e rematada por un arco rebaixado que se coroa cunha cruz rematada en volutas. A continuación ábrese un óculo abucinado e no vértice unha peaña sostén a espadana do campanario que está formada por dous machóns unidos por un arco de medio punto que remata nun frontón curvo. No interior consérvase un pequeno retablo rococó bastante deteriorado.