AO PÉ DO CASTELO DE MONTERREAL
Localización
Parroquia: Baiona (Santa María)
Lugar: Baiona
Baiona - Pontevedra
Coordenadas: 42º 07' 29.8" N - 8º 51' 05.5" W
O Paseo
Ao pé do castelo de Monterreal
Recreo do Conde de Gondomar
Este paseo iníciase na praia da Cuncheira e bordea o castelo de Monterreal ou do monte Boi, construído entre os séculos XII-XVI e convertido agora en Parador Nacional.
Esta fortaleza aínda mantén tres torres de vixiancia: a Torre do Reloxo, que servía para dar a alarma en caso de ataque inimigo; a Torre da Tenaza, cuxo cometido era defender o porto mediante as baterías de tiro e a Torre do Príncipe, que actuaba como faro para os navíos. Aos poucos metros de comezar a nosa ruta atopámonos cun antigo viveiro de langostas que funcionou ata os anos 70 do século XX e que hoxe foi convertido nun Talaso ao aire libre.
É un paseo curto e sen dificultade, o que nos permite realizalo sen deixar de desfrutar das privilexiadas vistas sobre o Atlántico e as Illas Cíes, que forman parte do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas.