Camiño Primitivo

Etapa: San Romao da Retorta-Melide

  • Lonxitude 28,4 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 7h 10min
  • Escoita o percorrido da etapa

En San Romao da Retorta deleitarannos as expresións do Románico. Tanto da súa igrexa, ao pé da que se atopou un miliario romano —sinal indicador de que o Camiño Primitivo se orientou seguindo a ruta dunha antiga calzada—, coma da igrexa (e cruceiro) de Santa Cruz da Retorta.

San Romao da Retorta- Augas Santas

  • Lonxitude 11,5 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 2h 55min

Pequenas aldeas sáennos ao paso: O Burgo, Vilacapide, Pacio, Pena da Galiña, Mosteiro e Ferreira. En San Romao da Retorta deleitarannos as expresións do Románico. Tanto da súa igrexa, ao pé da que se atopou un miliario romano —sinal indicador de que o Camiño Primitivo se orientou seguindo a ruta dunha antiga calzada—, como da igrexa (e cruceiro) de Santa Cruz da Retorta.

Na Ponte Ferreira, en terras de Palas de Rei, ademais da ponte medieval hai unha igrexa románica de finais do século XII, que pertenceu a Vilar de Donas. Tamén en Palas de Rei está Augas Santas, que nos fala de mananciais salutíferos. Aquí houbo un mosteiro no século IX, e San Salvador de Merlán, cunha igrexa que conserva fermosos restos románicos.

 

San Romao da Retorta - Augas Santas

Augas Santas- Vilouriz

  • Lonxitude 8,5 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 2h 10min

Desde Augas Santas, o camiño continúa cara ás Seixas, Casacamiño e cruza o límite provincial entre Lugo e A Coruña. Atravesamos a serra de Careón, no límite provincial entre Lugo e A Coruña, un lugar con alto valor ecolóxico que conserva unha flora e unha fauna case desaparecidas en Galicia. O pico máis alto, O Careón, está a 798 m. A continuación alcanzamos o concello de Toques, onde pasaremos por Santiago de Vilouriz.

 

Augas Santas - Vilouriz

Vilouriz- Vilamor

  • Lonxitude 1,7 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 25min

Tras deixar atrás Vilouriz, percórrese o núcleo de Arnade cara a Vilamor. Neste municipio, aínda que fóra do Camiño, álzase Santo Antoniño de Toques, que tivo un mosteiro beneditino e que conserva unha magnífica igrexa románica do século XI con capiteis e pezas reutilizadas de época visigoda (século VIII).

Vilamor- Melide

  • Lonxitude 6,8 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 1h 40min

O Camiño Primitivo conflúe co Camiño Francés na histórica vila xacobea de Melide e continúa por este ata a catedral de Santiago, a 53 quilómetros de distancia.