Axenda de Eventos

Festa/Feira popular
Feira Franca
Do 4 ao 5 setembro | Pontevedra Pontevedra
Comeza:
4 setembro | 11:00
Remata:
5 setembro | 23:00
Onde:
Pontevedra Pontevedra

Pontevedra mergúllase no século XV na primeira fin de semana de setembro con esta celebración na que se lembra o privilexio concedido polo rei Henrique IV no ano 1467. O monarca autorizou a celebración dun mercado libre de impostos dun mes de duración, quince días antes e quince días despois do 24 de agosto, festividade de San Bartolomeu.
A concesión da Feira Franca coincide cun período de puxanza económica da cidade, que se prolonga ata as décadas finais do século XVI. A pesca e o comercio foron entón os dous piares do desenvolvemento económico de Pontevedra, daquela a vila máis poboada de Galicia.
A festa celebrou a súa primeira edición no ano 2000 cunha dobre intención: por unha banda recuperar a memoria dun dos tempos de maior puxanza e prosperidade da cidade e, por outra, promover a implicación activa da cidadanía nun proxecto de dinamización do centro histórico, escenario privilexiado para a recreación da mellor época da historia de Pontevedra.
Ao longo das súas edicións, a consolidación da Feira Franca é innegable, xa que atrae cada ano a máis visitantes que queren volver ao pasado vestíndose de época e saíndo, xunto cos pontevedreses, a gozar das rúas e dos espectáculos que nela se celebran.
Durante o día e medio que dura esta festa, as rúas da cidade engalánanse para acoller numerosas comidas e ceas, espectáculos de cetrería e postos artesáns.

Destacado:
A ambientación das rúas.

Tipo de evento: Festa/Feira popular  |  Festa de interese turístico