Axenda de Eventos

Festa/Feira popular
Festividade da Virxe de Guadalupe
Do 11 ao 18 setembro | varios espazos Rianxo
Comeza:
11 setembro | 11:00
Remata:
18 setembro | 22:00
Onde:
varios espazos Rianxo

En 1854 a peste de cólera que sufriu Galicia apenas tivo incidencia en Rianxo, o que as súas xentes atribuíron á protección da Virxe de Guadalupe, a virxe negra máis popular de Galicia, cuxa imaxe é unha réplica feita en cartón pedra en 1773 exacta da de Estremadura.

Ao culto relixioso uniuse entón a festa popular e organizouse unha procesión marítima coa “Moreniña” embarcada nun veleiro e acompañada por un cento de embarcacións tradicionais. Este segue a ser actualmente o acto central da festa. Participan nel máis dun centenar de barcos de todo tipo –algúns deles a disposición do público–, engalanados con bandeiras e grilandas multicolores e, alén de constituír a grande ocasión dos rianxeiros de reencontrarse cos seus familiares e amigos no final do verán, ten acadado unha gran proxección no exterior debido á súa vistosidade e emotividade.

Protectora das xentes do mar de Rianxo, a imaxe da Virxe de Guadalupe é sacada do seu santuario e levada en procesión ata un barco engalanado. E cando chega á altura do Paseo da Ribeira o público ve a Virxe igual que unha pescantina de Rianxo –camiñando descalza pola area, como as que introduciron as xoubas nos mercados máis importantes de Galicia– e entoa ao unísono a popular canción galega, “A Rianxeira”, que di: A virxe de Guadalupe/ cando vai pola ribeira,/ descalciña pola area/ parece unha rianxeira./ Ondiñas veñen/ ondiñas veñen e van/ non te embarques rianxeira/ que te vas a marear.

Unha copla que naceu hai 50 anos da nostalxia dos rianxeiros de Bos Aires pola súa terra. Ao longo dos días de festa adoita entoarse na medianoite, e o último día, entrada a madrugada, protagoniza un emocionante peche festivo, cando a multitude concentrada na verbena na praza de Castelao vólvea cantar, con música de tres ou catro orquestras e luces de bengalas.

Tipo de evento: Festa/Feira popular  |  Festa de interese turístico
Entrada: Entrada de balde