Mike Robinson
Mike Robinson
Mike Robinson é profesor de Patrimonio Cultural na Universidade de Nottingham Trent e profesor emérito da Universidade de Birmingham, onde foi director do Instituto Internacional Ironbridge para o Estudo do Patrimonio Cultural e membro da xunta directiva da Fundación do Museo Ironbridge Gorge. É conselleiro non executivo de Cultura da Comisión Nacional do Reino Unido para a UNESCO e foi asesor do programa de Patrimonio Mundial sobre Turismo Sostible deste mesmo organismo e consultor principal do proxecto de Viaxes Europeas do Patrimonio Mundial, tamén da UNESCO. É así mesmo autor e editor de máis de 30 libros sobre diversos aspectos das relacións entre patrimonio, cultura e turismo, incluídos tres volumes dedicados ao Patrimonio Mundial e ás comunidades. Ademais é fundador e xefe de redacción do Routledge International Journal of Tourism and Cultural Change, publicación internacional sobre turismo e cambio cultural, e fundador e coeditor da serie internacional de libros Tourism and Cultural Change (“Turismo e cambio cultural”), con máis de 60 títulos publicados.
Foi designado polo Goberno do Reino Unido como membro do Panel de Expertos deste país para elaborar a Lista Indicativa do Patrimonio Mundial do Reino Unido en 2010 e traballou con oficinas da UNESCO en China, o Sueste Asiático, Asia Central, Oriente Medio e varias zonas de Europa. Tamén colabora activamente como experto no marco do programa dos Itinerarios Culturais do Consello de Europa e das Xornadas Europeas de Patrimonio. De igual xeito traballou en proxectos relacionados co patrimonio, os museos e o turismo en máis de 40 países, coa UNESCO, a Comisión Europea, o Consello de Europa e diversas ONG e organismos estatais, e é organizador de máis de 30 conferencias internacionais en 11 países distintos.