Itinerario Ecuestre
Vía da Prata ou Camiño Mozárabe
O itinerario ecuestre ten unha lonxitude de 236,6 km, e coincide coa actual Vía da Prata ou Camiño Mozárabe, salvo en pequenas alternativas. O trazado pasa polas provincias de Ourense, Pontevedra e A Coruña, desde o concello de A Mezquita ata o de Santiago de Compostela.
Dende o 5 de outubro de 2017 conta coa homologación da Real Federación Hípica Española (RFHE), rexistro número IE-016.
O itinerario esta indicado con paneis informativos en cada unha das etapas, postes de dirección e de seguimento, placas informativas e postes metálicos, así como con sinalización horizontal homologada por la RFHE.
1ª ETAPA
A CANDA (A MEZQUITA) // A GUDIÑA
17 KM
Itinerario Ecuestre
O inicio desta etapa atópase na Portela da Canda (1281m de altitude) e pasa polos concellos da Mezquita (núcleos da Canda, A Vilavella e O Pereiro) e A Gudiña (O Canizo e A Gudiña). Á saída do Canizo atópase unha alternativa ecuestre debidamente sinalizada, que non coincide co itinerario peonil. Agás este tramo, o resto do trazado segue as indicacións do Camiño a pé. Cómpre tomar precaucións nos tramos empedrados e con forte desnivel.
2ª ETAPA
A GUDIÑA // LAZA
37,2 KM
Trátase do tramo máis longo da Vía da Prata ou Camiño Mozárabe. Presenta dúas alternativas con respecto ao camiño a pé. A primeira atópase na saída da Gudiña, onde se seguen as marcas especificas da alternativa ecuestre, chégase á Venda da Capela, onde se une de novo co trazado a pé do Camiño. A segunda alternativa atópase ao final da etapa, moi preto de Laza. Durante todo este tramo cómpre ter en conta os desniveis existentes.
3º ETAPA
LAZA // XUNQUEIRA DE AMBÍA
35 KM
Á saída de Laza atópase unha alternativa ecuestre de 1,7 Km, debidamente sinalizada. Salvo este tramo, o resto do trazado coincide coas indicacións do Camiño a pé. Hai que tomar precaucións no tramo de Tamicelas - A Alberguería e no do Veredo - Vilar de Barrio, por mor do desnivel existente.
4ª ETAPA
XUNQUEIRA DE AMBÍA // OURENSE
16,2 KM
Este tramo discorre polo trazado do Camiño de Santiago a pé. Presenta un trazado descendente que conduce ata Ourense pasando polos núcleos de Salgueiros, Pereiras e Reboredo. Á entrada de Ourense existe un trazado alternativo ecuestre que permite chegar ata o río Miño, evitando as principais vías de circulación da cidade. Extremar a precaución na zona de baixada ao río.
5ª ETAPA
OURENSE // SAN CRISTOVO DE CEA
31,6 KM
Este tramo discorre integramente polo trazado do camiño a pé. Á saída de Ourense hai un tramo ascendente (Camiño Real de Cudeiro) que presenta lousado de granito, polo que cómpre extremar a precaución.
6ª ETAPA
SAN CRISTOVO DE CEA // O CASTRO (DOZÓN)
19 KM
Neste tramo o Camiño sae da provincia de Ourense para entrar na de Pontevedra. Presenta dúas alternativas ecuestres respecto ao camiño a pé; a primeira atópase na zona do mosteiro de Oseira e a segunda, á chegada ao Castro (Dozón).
7ª ETAPA
O CASTRO (DOZÓN) // SILLEDA
35 KM
Á saída do Castro (Dozón) séguese a alternativa ecuestre, co fin de evitar transitar pola N-525, e uns poucos quilómetros máis adiante vólvese incorporar ao trazado a pé. Á altura do polígono industrial de Lalín existe outra alternativa ecuestre que conduce ata Bendoiro por camiños locais e, neste punto, únese de novo ao trazado a pé ata chegar a Silleda. Extremar a precaución na zona do polígono industrial.
8ª ETAPA
SILLEDA// A PONTE ULLA (VEDRA)
19,3 KM
Neste tramo o Camiño sae da provincia de Pontevedra para entrar na da Coruña. Todo o percorrido realízase polo trazado a pé do Camiño. Desde Silleda, presenta un perfil descendente ata chegar á Ponte Ulla. Na zona de descenso cara ao río cómpre extremar a precaución.
9ª ETAPA
PONTE ULLA (VEDRA) // SANTIAGO DE COMPOSTELA
21 KM
Este é o último tramo da Vía da Prata. Á saída da Ponte Ulla existe unha alternativa ecuestre para evitar a N-525. Posteriormente vólvese incorporar ao trazado a pé do Camiño.
Débense extremar as precaucións co tráfico rodado. Para acceder de a cabalo á cidade de Santiago é necesario tramitar con anterioridade un permiso (Departamento de Tráfico tel. 981 54 23 21 )
10ª ETAPA
SANTIAGO DE COMPOSTELA
É obrigatorio solicitar permiso con antelación para acceder co animal á cidade (www.santiagodecompostela.org. Departamento de Tráfico tel. 981 54 23 21).
Só se pode entrar antes das 9:00 horas da mañá e unicamente se poderá permanecer na parte histórica durante un tempo máximo de 10 minutos.
Os responsables do animal deberán dispor dun servizo e limpeza que os acompañe.
- Itinerario Ecuestre - Etapas PDF / 74 KB
- KML da ruta KMZ / 78 KB