Camiño Francés

O Camiño Francés é o itinerario xacobeo con maior tradición histórica e o máis recoñecido internacionalmente.

Por San Xil:

  • Lonxitude 154,7 Km
  • Dificultade Media

Por Samos:

  • Lonxitude 161,7 Km
  • Dificultade Media
Unha das páxinas do Códice Calixtino con debuxo en miniatura do apóstolo Santiago

É o Camiño por excelencia. O itinerario xacobeo con maior tradición histórica e o máis recoñecido internacionalmente. Foi descrito xa en 1135 no Codex Calixtinus, libro fundamental xacobeo. O Libro V deste códice constitúe unha auténtica guía medieval da peregrinación a Santiago. Nel especifícanse os tramos do Camiño Francés desde terras galas e informa detalladamente dos santuarios da ruta, da hospitalidade, das xentes, da comida, das fontes, dos costumes locais, etc. Todo está escrito coa síntese e claridade que necesita unha resposta práctica a unha demanda concreta: a peregrinación a Santiago.

Esta guía, atribuída ao clérigo francés Aymeric Picaud, evidencia o desexo político-relixioso de facer promoción do santuario compostelán e de facilitar o acceso ata el. Cando se confecciona este libro, o Camiño Francés e as peregrinacións alcanzan o seu máximo apoxeo e o Camiño Francés a maior afluencia, se excluímos o momento actual. Santiago convértese na meta de peregrinos procedentes de todo o orbe cristián.

Trazado da ruta e recursos de interese

O Libro V do Codex Calixtinus constitúe unha auténtica guía medieval da peregrinación a Santiago. Nel especifícanse os tramos do Camiño Francés desde terras galas.

Co paso dos séculos e os avatares políticos e relixiosos europeos, o itinerario físico do Camiño Francés perdeu peso específico. Será a finais do século XIX cando xurda un renovado interese pola temática xacobea, que continúa na segunda metade do XX coa progresiva recuperación do vello itinerario, recoñecido internacionalmente como un dos símbolos históricos da unidade europea.

O Camiño Francés adquire un trazado preciso en Francia, a través das catro vías principais xa descritas no Codex Calixtinus. Tres destas rutas (París-Tours, Vézelay-Limoges e Le Puy-Conques) entran en España por Roncesvalles, en Navarra, mentres a cuarta (Arles-Toulouse) entra polo porto de Somport e continúa ata Jaca, en terras de Aragón. O itinerario de Roncesvalles, que cruza a cidade de Pamplona, únese co aragonés en Puente la Reina (Navarra).

Desde Puente la Reina, o Camiño Francés mantén un único itinerario que atravesa localidades e cidades do norte de España tan significativas coma Estella, Logroño, Santo Domingo de la Calzada, Burgos, Castrojeriz, Frómista, Carrión de los Condes, Sahagún, León, Astorga, Ponferrada e Villafranca del Bierzo.

O Camiño Francés entra en Galicia pola comarca do Bierzo.

Os Camiños Francés, Inglés, Norte e Primitivo, así como todas as entradas a Santiago de Compostela, están delimitados oficialmente pola Xunta de Galicia. Pódese consultar a información en www.cultura.gal/gl/caminos-santiago.