A directora de Turismo de Galicia inaugurou en Padrón a exposición fotográfica ‘Kumano Kodo. Camiño de peregrinación’
Padrón (A Coruña), 1 de febreiro de 2020
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, manifestou hoxe a intención da Xunta de seguir reforzando vínculos con Xapón para continuar promovendo o destino galego e a cultura xacobea nun dos países que máis están medrando en número de peregrinos nos últimos anos, cun crecemento do 82% desde o último Ano Santo.
Nava Castro fixo estas declaracións durante a inauguración da exposición fotográfica KumanoKodo. Camiño de peregrinación apoiada pola Xunta que abriu hoxe as súas portas en Padrón e que poderá visitarse ata o mes de abril. Como comentou, Xapón é un dos países que máis crecemento está a ter no eido xacobeo, e recordou o especial vínculo que Galicia e ese país manteñen a través dos seus camiños de peregrinación.
De feito, o Camiño de Santiago e o Camiño de Kumano Kodo de Xapón suman xa máis de 20 anos de irmandamento. Son dúas das máis importantes rutas de peregrinación do mundo, están protexidas pola Unesco e desde o seu irmanamento comezaron unha intensa relación que contribuíu a incrementar os lazos entre o país nipón e Galicia.
Durante o acto, Nava Castro subliñou os valores comúns que ambos camiños de peregrinación comparten a pesar de ter xurdido en territorios a miles de quilómetros de distancia e cunha raíz relixiosa diferente. Lembrou que ambas rutas contan con símbolos que guían aos peregrinos, dispoñen dunha vestimenta tradicional, están rodeadas de natureza e posúen sobranceiras mostras do patrimonio cultural.
Peregrinos xaponeses
Ademais, celebrou que cada día sexan máis os peregrinos xaponeses que percorren a ruta xacobea. O país nipón rematou 2019 entre as 25 nacionalidades con máis representantes e, ademais, na última década, o seu volume de peregrinos multiplicouse ata por catro.
A exposición inaugurada hoxe xa pasou por Tokio e posteriormente Santiago de Compostela e París. Agora pode verse na sede da Fundación Camilo José Cela e conta con pezas do fotógrafo Luis Ocaña, que ofrece a súa interpretación do Camino Kumano Kodo. Pode visitarse de martes a sábados de 10,00 a 14,00 e de 16.00 a 19,00 horas ata o 11 de abril.
Outras novas
-
Tue Apr 07 13:00:00 CEST 2026
Xosé Merelles reafirma a folla de ruta da Xunta para un Xacobeo 2027 planificado e estruturado
-
Wed Mar 25 20:00:00 CET 2026
A Xunta abre o prazo para que a cidadanía, empresas e entidades presenten iniciativas no programa ‘O Teu Xacobeo’
-
Wed Mar 11 14:00:00 CET 2026
A Xunta inviste 50.000 euros na rehabilitación da ponte municipal da Áspera en Sarria no Camiño Francés