A cidade de Kiel acolle "Camiño de Santiago. Unha visión dende oriente" de Tomohiro Muda
A cidade alemá de Kiel acollerá desde o venres 28 de outubro, a mostra fotográfica "Camiño de Santiago. Unha visión desde Oriente" do artista xaponés Tomohiro Muda.
Tras o seu paso por Hamburgo, a exposición viaxa a Kiel, patrocinada pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo coa colaboración do consulado español en Hamburgo, a Sociedade Xermano-Iberoamericana e o Instituto de Lingua e Cultura Españolas, onde permanecerá aberta ao público ata o 26 de novembro.
Camiño de Santiago. Unha visión desde Oriente é o resultado da particular mirada do fotógrafo xaponés Tomohiro Muda sobre a ruta xacobea tras dúas peregrinacións que deixaron nel unha fonda pegada. Declarado entusiasta do románico e das peregrinacións, o seu traballo xa foi exposto en París no ano 2008 e posteriormente en Wakayama (Xapón), Tokío, México D.F. e Santiago de Compostela. O ano pasado, durante a celebración do Xacobeo 2010, a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo levou esta mostra fotográfica por varios concellos do Camiño Francés. Deste xeito, comezou a súa itinerancia en Palas de Rei, para logo viaxar a Ames, Dumbría e Muxía, rematando o seu percorrido no faro de Fisterra.
A cidade alemá de Kiel tamén acollerá "Leccións Xacobeas", un conxunto de conferencias que transcorrerán entre o 31 de outubro e o 6 de febreiro de 2012 e que contan co patrocinio da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. A conferencia que porá en marcha o ciclo será impartida polo técnico da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Francisco Singul baixo o título "O Camiño de Santiago como espazo ritual".
Outras novas
-
Wed Mar 25 20:00:00 CET 2026
A Xunta abre o prazo para que a cidadanía, empresas e entidades presenten iniciativas no programa ‘O Teu Xacobeo’
-
Wed Mar 11 14:00:00 CET 2026
A Xunta inviste 50.000 euros na rehabilitación da ponte municipal da Áspera en Sarria no Camiño Francés