27/out/2011

Cultura e Turismo patrocina a VI Semana Cultural da Asociación de Amigos da Vía da Prata–Camiño Mozárabe de Ourense

A directora xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Camino Triguero, abriu na Confederación Empresarial de Ourense a VI Semana Cultural da Asociación de Amigos da Vía da Prata-Camiño Mozárabe de Ourense.

Este congreso, que conta co patrocinio da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, contou asemade coas intervención do escritor Jesús Sánchez Adalid, que falou sobre o Camiño de Santiago nas súas novelas El Mozárabe, da que se venderon máis dun millón de exemplares, e El Alma de la Ciudad, con 450.00 copias despachadas ata lo de agora. 

Pola súa parte, o técnico da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Manuel Rodríguez, pronunciará o venres 28 ás 20,15 horas a última conferencia do ciclo, que ten como título "2011. O inicio dun Novo Camiño de Santiago". A continuación, as 21,00 horas, o presidente da Deputación de Ourense, José Luís Baltar Pumar, clausurará a Semana Cultural.

Coincidindo con este evento, exporase na Confederación Empresarial de Ourense a mostra fotográfica itinerante "Olladas no Camiño de Santiago". Nesta exposición, que patrocina a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e que percorre distintas cidades de diferentes países, amósase a visión particular de varios fotógrafos sobre o Camiño de Santiago e o fenómeno xacobeo.

Os autores, Delmi Álvarez, Fernando Bellas, Tino Martínez, Javier Teniente, Xulio Villarino e Tino Viz rexistran coas súas cámaras a paisaxe, o patrimonio arquitectónico, a riqueza humana de peregrinos, visitantes e persoas que viven ao longo dos Camiños que levan a Santiago. Nas fotos destes recoñecidos profesionais aparecen símbolos puramente xacobeos, manifestacións antropolóxicas, retratos con nome e apelidos,  figuras anónimas, paisaxes abertas e o interior de igrexas e claustros.