Cidade da Cultura de Galicia, exterior á noitiña
Cidade creativa
A capital de Galicia non se entende sen a súa historia cultural. Posúe grandes infraestruturas, como a Cidade da Cultura, e unha prestixiosa universidade con máis de cinco séculos de historia, pero tamén iniciativas modestas, pero moi dinámicas, e activas nos barrios durante todo o ano. A cultura é a súa razón de ser.
Santiago de Compostela foi declarada en 1985 pola Unesco Patrimonio Cultural da Humanidade, “por ser un extraordinario conxunto de monumentos agrupados ao redor da tumba de Santiago o Maior, e destino de todas as rutas da maior peregrinación da cristiandade entre os séculos XI e XVIII. Santiago de Compostela é, sen ningunha dúbida, un dos máis indiscutibles bens patrimoniais da humanidade (...), unha cidade ideal que desborda á vez historia e intemporalidade (...)”.
En 1987, o Consello de Europa concedeulle ao Camiño de Santiago a distinción de Primeiro Itinerario Cultural Europeo. Trece anos despois, en 2000, a cidade era nomeada Capital Europea da Cultura, en recoñecemento ao seu dinamismo cultural e ao seu labor de difusión cultural ao longo da historia.
Santiago non se entendería, pois, sen este fondo e permanente significado cultural. Ademais, a cidade é a capital da Comunidade Autónoma de Galicia, polo que acolle as sedes institucionais da Xunta de Galicia e do Parlamento galego. Unha vitalidade administrativa que se suma á propia forza creativa e docente.
Unha universidade con cinco séculos de historia
Fundada en 1495, a Universidade de Santiago é un dos centros docentes máis antigos de Europa. O seu alumnado achégase aos 23.000 matriculados. O Colexio de Fonseca ou o Paraninfo son dous dos seus tesouros patrimoniais.
A Universidade de Santiago é, cos seus máis de cinco séculos de historia, un dos centros docentes máis antigos de Europa e todo un referente académico. Boa parte do seu patrimonio histórico se pode visitar, empezando polo Colexio de Fonseca, a actual Facultade de Xeografía e Historia —co seu nobre Paraninfo— ou a Igrexa da Universidade.
Cun alumnado que se achega aos 23.000 matriculados, incluído o Campus de Lugo, e unha oferta académica de máis de 60 titulacións oficiais, a Universidade de Santiago é parte inseparable da pel de Compostela.
Un programa cultural para todos e durante todo o ano
Desde grandes infraestruturas culturais a unha ampla rede de pequenos espazos de iniciativa privada con programación activa durante todo o ano. E festivais internacionais de cinema, música ou arte.
Ademais, a capital galega concentra un bo número de grandes infraestruturas culturais. Desde recintos históricos coma o Teatro Principal (1841) ou o Salón Teatro (1920), ao propio Museo do Pobo Galego (fundado en 1976), ou os máis recentes Centro Galego de Arte Contemporánea, o Auditorio de Galicia ou o Palacio de Congresos e Exposicións. Ata importantes infraestruturas creadas neste século XXI, como a Cidade da Cultura de Galicia, unha espectacular construción no alto do monte Gaiás, cunha programación estable e continuada, ou o Museo das Peregrinacións e de Santiago e a Casa do Cabido, abertos en 2012 na praza de Praterías.
Durante todo o ano, festivais internacionais de cinema, música ou monicreques convocan os mellores creadores do momento e atraen miles de espectadores.
Durante todo o ano, festivais internacionais de cinema, música e arte, e propostas para os máis pequenos convocan os mellores creadores do momento e atraen miles de espectadores. Tal é o caso de Cineuropa, en novembro, ou Curtocircuíto, ou o Festival Internacional de Cinema Euroárabe Amal. Certames musicais como Vía Stellae, o Festival de Músicas Contemplativas ou o Festival Internacional Peregrinos Musicais. Todo iso, xunto á programación destinada ao público infantil e familiar, con certames como o Festival Internacional de Monicreques Galicreques, entre outras moitas propostas.
Á beira de todos estes certames, a iniciativa privada fixo florecer unha rede de espazos culturais —musicais, artísticos, literarios—, repartidos por toda a cidade: salas de exposicións, pubs con concertos en vivo, microteatros ou outro tipo de actividades, coma contacontos ou presentacións literarias. A eles súmase, finalmente, a programación propia da rede de centros socioculturais.
- Cidade da Cultura de Galicia
- Museo das Peregrinación e de Santiago
- Museo do Pobo Galego
- Centro Galego de Arte Contemporánea
- Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia
- Auditorio de Galicia
- Compostela Capital Cultural. Programa
- Centros socioculturais de Santiago
- Festival Internacional de Peregrinos Musicais
- Cineuropa
- Festival Internacional Galicreques
- Museo de Historia Natural