Praza do Teucro, Pontevedra
Camiño Portugués da Costa
Etapa: Pontevedra-Caldas de Reis
A partir de aquí é preciso reparar na sinalización, pois son continuados os cruzamentos e as voltas do camiño, coa estrada N-550 sempre presente, e a nova vía férrea da alta velocidade que tanto alterou a paisaxe.
Pontevedra- Santa María de Alba
O Camiño sae de Pontevedra pola rúa da Santiña, tras cruzar o río Lérez pola ponte do Burgo. Bordeamos a extensa marisma da Xunqueira de Alba. A ruta pasa entre a vía do tren e o río Granda. Ascendemos ata o lugar de Pontecabras e a igrexa e reitoral de Santa María de Alba. En Guxilde fixo un alto o arcebispo de Santiago Diego Xelmírez no seu camiño de Braga a Compostela.
Pontevedra - Santa María de Alba
Santa María de Alba- A Cancela
Pasada a capela de San Caetano espérannos os frondosos bosques de Reirís e Lombo da Maceira. Entramos no municipio de Barro a través dunha pequena ponte de pedra que cruza o regato chamado O Rego do Cárcere. Desde San Mauro, continuamos por San Mamede da Portela.
Santa María de Alba - A Cancela
A Cancela- Albergue de Briallos
Atravesamos a ponte sobre o río Areal, que introduce o peregrino —entre grandes casas de pedra— en Valbón. Tres interesantes cruceiros sáennos ao paso, un deles xunto á casa de Amonisa; outro exhibe no seu fuste unha talla de Santiago peregrino mirando cara ao norte, a Compostela; e un terceiro cruceiro —o solitario Soutelo— completa a tríade destas xenuínas esculturas que naceron como cruzamento de camiños. A partir de aquí é preciso reparar na sinalización, pois son continuados os cruzamentos e as voltas do camiño coa estrada N-550, sempre presente, e a nova vía férrea da alta velocidade, que tanto alterou a paisaxe. O lugar da Seca (concello de Barro) e a parroquia de Briallos (concello de Portas) diríxennos ao municipio de Caldas de Reis.
A Cancela - Albergue de Briallos
Albergue de Briallos- Caldas de Reis
Alternan pequenos tramos de sendeiros, camiños de terra e pistas asfaltadas. Chegamos ao fermoso núcleo de Tivo, onde o camiñante afronta o último treito desta etapa, xa ás portas de Caldas de Reis. Pasamos ante a igrexa de Santa María e entramos en Caldas, vila termal, a Aquae Celenis citada no coñecido como “Itinerario de Antonino” —un documento do século III onde aparecen reflectidas as rutas do Imperio Romano—, bañada polos ríos Umia e Bermaña.
Seguimos pola rúas de Santa Marta e Ferrería e cruzamos a ponte sobre o Umia, que achega o peregrino á fonte de augas termais que lle dan nome á vila desde a época romana. Continuamos pola rúa Real e atravesamos outra ponte, esta medieval e de grande encanto, sobre o río Bermaña. A capela de San Roque, ao final da rúa homónima —que enlaza coa estrada N-550—, marcará o final desta etapa.