A Xunta apoia a acción "O debuxo é o Camiño", enmarcada dentro do programa de "Historias de Cadernos de Viaxe"
- A directora de Turismo de Galicia recibiu hoxe na praza do Obradoiro as debuxantes Maru Godás e Róisín Curé, que realizaron o Camiño Inglés ilustrando o seu percorrido
- Esta actividade, que terá continuidade o vindeiro mes de outubro cun ciclo de relatorios e obradoiros, está incluída na programación do Xacobeo 21-22
Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2021
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada da conselleira delegada do Xacobeo 21-22, Cecilia Pereira, do cóengo da Catedral de Santiago responsable das peregrinacións, Segundo Pérez, e do presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, recibiu hoxe na praza do Obradoiro as debuxantes Maru Godás e Roisín Curé, que estes días realizaron o Camiño Inglés para ilustrar as súas contornas, acción que, baixo a epígrafe O debuxo é o Camiño, está incluída no evento Historias de Cadernos de viaxe e mais na programación do Xacobeo 21-22.
Trátase dun proxecto que, para celebrar o Ano Santo e vincular os cadernos de viaxe a Compostela, desenvolveu con estas cadernistas unha experiencia entre o físico e o virtual ao longo desta semana, gravando e retransmitindo en directo polas redes sociais unha serie de vídeos nos que se amosa o proceso de creación dos debuxos que realizaron en distintos lugares desta ruta xacobea.
A directora de Turismo de Galicia mostrou a súa satisfacción por colaborar nesta iniciativa “que pon en valor na contorna do Camiño de Santiago esta arte tan presente nas guías e publicacións relacionadas coas viaxes e que, de certo, lle dará pulo á ruta xacobea e aos seus valores desde unha perspectiva artística”.
Nava Castro tamén apuntou que o primeiro caderno de viaxes na historia do Camiño foi o propio Códice Calixtino, e salientou o impulso que está a tomar a ruta ao longo deste verán, lembrando que xa se expediron máis de 90.000 compostelas e que a previsión da Xunta para este ano é que remate coa chegada de 140.000 peregrinos.
O debuxo é o Camiño completarase co encontro Historias de Cadernos de Viaxe, tres xornadas didácticas que se desenvolverán os días 1, 2 e 3 de outubro no Centro Galego de Arte Contemporánea, nas que haberá relatorios e obradoiros de debuxo especializado en viaxes.