Os veciños de Sobrado e os peregrinos xa se benefician da mellora executada pola Xunta na estrada AC-934 que reforza a seguridade e facilita a mobilidade na contorna
- A Xunta achegou un investimento de máis de 1,6 M€ ao acondicionamento dun tramo de 4,5 km da vía entre o límite coa provincia de Lugo e o cruce de Abeleiras
- Executouse unha senda de 3 km, desde o límite coa provincia de Lugo ata a travesía de Vilariño-O Mesón, nese tramo coincidente co Camiño do Norte
- Ampliouse ata os 8 metros o ancho da vía, rectificáronse as curvas de radio máis reducido e melloráronse os cruces, con semiglorietas e carrís de aceleración
- Esta intervención forma parte dos investimentos que está a facer o Goberno galego de cara ao Xacobeo 2021
Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2020
Os veciños de Sobrado e os peregrinos xa teñen á súa disposición a mellora executada pola Xunta na estrada AC-934, que reforza a seguridade viaria e facilita a mobilidade na contorna.
A Xunta achegou un investimento de máis de 1,6 millóns de euros para acometer o acondicionamento do tramo de 4,5 quilómetros da estrada que transcorre entre o límite coa provincia de Lugo e o cruce de Abeleiras.
A obra supuxo a ampliación da calzada para acadar un largo de plataforma de 8 metros, con características xeométricas similares ás do treito mellorado na provincia de Lugo. Tamén se rectificaron as curvas de menor radio.
O proxecto incluíu a rehabilitación de todo o firme e na travesía de Vilariño-O Mesón estendeuse unha nova capa de rodada, ademais da ordenacións dos aparcadoiros.
Tamén se melloraron as principais interseccións coas vías locais, coa creación de cuñas de cambio de velocidade e semiglorietas para facilitar os cambios de sentido.
Trátase dunha estrada que coincide co Camiño de Santiago do Norte, concretamente da Ruta da Costa, polo que no treito construíuse unha senda de 3 km, desde o límite coa provincia de Lugo ata a entrada na travesía de Vilariño-O Mesón.
Esta actuación forma parte dos investimentos que está a realizar a Xunta de cara a chegar o mellor preparados posible ao Xacobeo 2021 e permite mellorar a seguridade viaria e a comodidade na circulación dos usuarios, favorecendo a preparación do Camiño de Santiago.
Outras novas
-
Sun Apr 26 14:00:00 CEST 2026
O circuíto da Xunta ‘Cultura no Camiño’ chegará este verán a 90 concellos das rutas xacobeas
-
Tue Apr 21 09:00:00 CEST 2026
Turismo de Galicia destina máis de 300.00 euros a accións promovidas por asociacións de amigos do Camiño
-
Sat Apr 18 14:00:00 CEST 2026
Turismo de Galicia inviste máis de medio millón de euros na mellora da seguridade da Vía da Prata