Feijóo salienta o feito histórico de 'reinaugurar' a Catedral, en todo o seu esplendor, 800 anos despois da súa construción
- Destaca que o templo estará listo para abrir a Porta Santa e iniciar o Xacobeo 2021 tras unha das maiores actuacións realizadas nun Patrimonio Mundial
- Pon en valor o labor conxunto da Fundación Catedral, do Cabido de Santiago, do Concello e da Xunta, “un éxito de xestión e un éxito técnico”
Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2020
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe o feito histórico que supón reinaugurar a Catedral de Santiago 800 anos despois da súa construción. ”É algo inaudito”, dixo, ao tempo que explicou que o templo terá que pechar para volver a abrir en todo o seu esplendor.
Fíxoo durante a visita ás obras de restauración da Catedral, que encaran a súa recta final coa retirada das estadas do interior para abrir a Porta Santa e iniciar o Xacobeo 2021 o próximo mes, e na que estivo acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo.
O presidente da Xunta salientou as tarefas desenvoltas nestes anos, unha das maiores actuacións realizadas recentemente nun ben declarado Patrimonio Mundial pola Unesco. Así mesmo, puxo en valor o labor conxunto da Fundación Catedral, do Cabido de Santiago, do Concello e da Xunta, “un éxito de xestión e un éxito técnico”. “Todos aqueles que axudaron a que a Catedral recobrara o seu esplendor xa forman parte da historia de Galicia”, abundou.
Tamén recordou que os traballos se intensificaron a partir de 2015, grazas a un convenio co Goberno do Estado e ao investimento público achegado polas administracións central e autonómica.
O titular da Xunta lembrou finalmente a celebración do Día do Patrimonio Mundial o próximo luns, unha ocasión para presumir de España como o terceiro país do mundo con máis bens declarados Patrimonio Mundial pola Unesco.
Na nosa Comunidade contan con este recoñecemento a Cidade Vella de Santiago de Compostela, o Camiño de Santiago, a Muralla de Lugo e a Torre de Hércules. Ademais, agárdase que o vindeiro ano se logre a declaración da Ribeira Sacra e trabállase en dúas candidaturas máis, xa inscritas na Lista Indicativa da Unesco: Cíes-Illas Atlánticas e Ferrol da Ilustración.
Outras novas
-
Tue Apr 21 09:00:00 CEST 2026
Turismo de Galicia destina máis de 300.00 euros a accións promovidas por asociacións de amigos do Camiño
-
Sat Apr 18 14:00:00 CEST 2026
Turismo de Galicia inviste máis de medio millón de euros na mellora da seguridade da Vía da Prata
-
Fri Apr 10 14:00:00 CEST 2026
A Xunta e a Asociación de Amigos do Camiño promoven un Encontro de Corais o día 18 en Lugo
-
Tue Apr 07 13:00:00 CEST 2026
Xosé Merelles reafirma a folla de ruta da Xunta para un Xacobeo 2027 planificado e estruturado