20/set/2019

A Xunta inviste preto de 200.000 euros na mellora do entorno do Camiño de Santiago na entrada a Portomarín

  • O delegado territorial, José Manuel Balseiro, sinalou que se dotou á zona de iluminación e mobiliario urbano e soterráronse cables de electricidade e telefonía, entre outras actuacións


Portomarín (Lugo), 19 de setembro de 2019    

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda financiou as obras de acondicionamento do entorno do Camiño de Santiago realizadas na entrada ao núcleo de Portomarín, cun investimento próximo aos 200.000 euros (198.700 euros en concreto).

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe a localidade en compañía do alcalde, Juan Serrano, e explicou que se trata dunha actuación promovida polo concello e financiada integramente pola Xunta para “achegar maior seguridade aos peregrinos e á veciñanza, ao tempo que se mellora a estética desta zona”.

Entre os traballos executados, destaca a instalación de iluminación pública, dado que só existía nalgún pequeno tramo e non era axeitada para o elevado tránsito de peregrinos que se rexistran. Acondicionáronse as rúas perpendiculares que dan acceso a vivendas e parcelas, mellorando tanto a iluminación como o pavimento, mediante a utilización de empedrado, formigón ou lousa segundo os casos. Tamén se procedeu ao axardinamento dalgunhas zonas e á instalación de mobiliario urbano.

Unha das melloras máis significativas consiste na canalización soterrada dos servizos, como electricidade e telefonía, que permitirá a eliminación dos cables aéreos; boa parte deles xa quedaron ocultos e o resto está pendente de xestións das respectivas empresas.

Balseiro destacou que se trata dunha intervención respectuosa que achega confort para os veciños e mellora a imaxe que levan os peregrinos do seu paso por Portomarín, un enclave fundamental do Camiño Francés.

Neste sentido, o delegado lembrou que a Xunta reforzará as accións enfocadas a poñer en valor o patrimonio material e inmaterial de cara ao Xacobeo 2021, especialmente na contorna das rutas xacobeas.

No ámbito concreto da posta a punto das infraestruturas, fixo referencia a outras medidas que está a impulsar o Goberno galego en Portomarín, como traballos de restauración na igrexa de San Nicolás e o contrato de explotación que permitirá recuperar a actividade da Pousada, actualmente en trámite de adxudicación.