30/xuñ/2019

O 061 de Galicia e a Orde de Malta colaborarán para prestar asistencia sanitaria en Santiago de Compostela ao longo do verán

  • Persoal enfermeiro de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistirá aos peregrinos nun posto de socorro, situado no Centro de Atención ao Peregrino, entre o 1 de xullo e o 31 de agosto
  • Ao longo dos meses de xullo e agosto de 2018, atendeuse a preto dun centenar de persoas que presentaban principalmente feridas ou lesións, sobrecargas musculares, mareos ou hipotensión, feridas profundas e fatiga

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2019

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e a Orde dos Cabaleiros Malta colaborarán, un ano máis, para a prestación de asistencia sanitaria aos peregrinos que se acheguen ao posto de socorro que a Orden de Malta ten situado no Centro de Atención ao Peregrino en Santiago de Compostela, preto da Catedral. Esta colaboración realízase a través dun acordo que permitirá que este dispositivo sanitario se manteña ao longo dos meses de verán, desde o 1 de xullo ata o 31 de agosto, cando o incremento de turistas e peregrinos é maior.

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, como servizo encargado de prestar asistencia á urxencia e á emerxencia no ámbito extrahospitalario, encárgase de facilitar o material humano e funxible necesario para a atención sanitaria daquelas persoas que se atopen na Catedral ou no seu contorno. Cómpre subliñar que, nos últimos anos, a afluencia de peregrinos e de visitantes á cidade de Santiago de Compostela vén experimentando un continuo incremento que mesmo superou as elevadas cifras rexistradas durante os últimos anos xacobeos.

A colaboración entre Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e a Orde dos Cabaleiros de Malta na Catedral de Santiago, durante os meses de xullo e agosto, iniciouse ao longo dos últimos anos debido ao aumento do número de asistencias sanitarias no contorno da catedral. Deste xeito, vénse a reforzar a colaboración iniciada nos anos xacobeos, nos que Urxencias Sanitarias de Galicia-061 dispoñía de postos de asistencia sanitaria en diferentes puntos ao longo do Camiño de Santiago, na catedral e no seu contorno.

Verán 2018

Ao longo dos meses de xullo e agosto de 2018, o persoal sanitario do posto de socorro da Orden de Malta na Catedral de Santiago atendeu a preto dun centenar de persoas que presentaban principalmente feridas ou lesións, sobrecargas musculares, mareos ou hipotensión, feridas profundas e fatiga.

A Orden de San Juan de Jerusalén é unha orde relixiosa laica, tradicionalmente militar, cabaleiresca e nobiliaria. Constitúe unha das máis antigas institucións da civilización occidental e cristiá e os seus voluntarios están organizados en estruturas sociais, asistenciais, sanitarias e sociais dedicadas a dar servizo aos pobres e necesitados. Actualmente, esta orde está presente en máis de 120 países.

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 presta atención sanitaria ás urxencias e emerxencias sanitarias no ámbito extrahopitalario na Comunidade Autónoma galega desde o ano 1995 e actualmente está considerado como o servizo público sanitario mellor valorado pola cidadanía, obtendo os máis altos índices de valoración pola súa poboación usuaria.