Román Rodríguez sinaliza simbolicamente o Camiño de Santiago en Glasgow coa inauguración dunha mouteira en George Square
- O conselleiro de Cultura e Turismo e a alcaldesa da cidade escocesa presidiron hoxe o descubrimento do fito situado a 1475 quilómetros da Catedral de Santiago
- Ao longo do ano 2018 completaron a Ruta Xacobea preto de 8000 peregrinos de Reino Unido e o Camiño Inglés é na actualidade o quinto máis percorrido
Glasgow (Escocia), 2 de febreiro de 2019
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presidiu hoxe a inauguración dunha mouteira do Camiño de Santiago na George Square, en Glasgow. O dirixente autonómico acompañado pola alcaldesa da cidade escocesa, Eva Bolander, descubriu este simbólico fito, situado a 1475 quilómetros da Catedral de Santiago, meta da peregrinación xacobea.
Ao longo deste acto, no que tamén participaron o cónsul de España en Edimburgo, Miguel Ángel Vecino Quintana; o director artístico do Celtic Connections, Donald Shaw; o director da Agadic, Jacobo Sutil, e o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo González Pardal, o conselleiro salientou que o elemento pétreo instalado no corazón de Glasgow “contén os principais símbolos do Camiño”. Estes símbolos son a concha, un dos máis antigos e representativos da Ruta Xacobea; a frecha amarela, que indica a dirección correcta, e o punto quilométrico que sinala a distancia ata a Catedral de Santiago. Trátase, en definitiva, dunha mouteira que recorda que é “moito máis o que nos une que o que nos separa”.
Cómpre recordar que o Atlántico foi, desde a Idade Media, un espazo de peregrinación para milleiros de persoas de toda Europa, tamén do Reino Unido, que chegaba ás cidades portuarias de Galicia no seu camiño cara a Santiago de Compostela. Esta vía, coñecida como Camiño Inglés, foi recuperada nas últimas décadas e na actualidade é o quinto itinerario xacobeo máis percorrido. En concreto, ao longo de 2018 foron máis de 14.000 persoas as que se decantaron por este sendeiro. Ademais, entre as case 180 nacionalidades presentes no Camiño, destacan os británicos, con preto de 8000 peregrinos, o que sitúa a Reino Unido como o sexto país en importancia na ruta.
Celtic Connections
Román Rodríguez trasladouse ata Glasglow para asistir na 26ª edición do festival Celtic Connections de Glasgow, a principal celebración de música celta en Reino Unido e o festival de música de inverno máis grande do seu tipo no que este ano Galicia participa como territorio convidado no Showcase Scotland.
Neste marco, a Consellería de Cultura e Turismo organizou, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e baixo a marca Galician Tunes On Tour, unha delegación institucional, profesional e artística co obxectivo de apoiar a proxección exterior da nosa música e de promover Galicia como destino turístico-cultural. Dela forman parte oito formacións artísticas, así como unha ducia de empresas e operadores turísticos, que teñen a oportunidade de entrar en contacto directo con promotoras e axentes internacionais dos seus respectivos sectores.