A Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións pecha este martes o seu primeiro ciclo de conferencias
- Marco Piccat, investigador da Universidade de Trieste, disertará no seu relatorio sobre ‘A peregrinación a Santiago de Compostela nas Vidas de Santos Medievais’
- A charla, aberta ao público en xeral, comezará ás 20,00 horas na sede da cátedra no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino de Santiago de Compostela
- O Plan director do Camiño de Santiago, que traballa co horizonte do Xacobeo 2021, conta cunha liña específica dedicada á investigación, comunicación e divulgación
Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2017
A Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, promovida entre Turismo de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Catedral de Santiago, pechará este martes día 12 de decembro o seu primeiro ciclo de conferencias, celebrado ao longo deste outono.
O encargado de ofrecer este relatorio será Marco Piccat, da Universidade de Trieste, baixo o tema A peregrinación a Santiago de Compostela nas Vidas de Santos medievais. A cita será a partir das 20,00 horas na sede da cátedra no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, na rúa Carretas de Santiago de Compostela.
Dirixida polo profesor da USC Domingo González Lopo, e con Adeline Rucquoi, membro do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, como codirectora, a cátedra é o proxecto académico máis importante impulsado polo Plan director do Camiño de Santiago. Esta plan, que traballa coa vista no próximo Xacobeo 2021, conta cunha liña estratéxica específica dedicada á investigación, comunicación e divulgación da ruta xacobea.
Bolsas, contratos de investigación ou seminarios
O obxectivo da cátedra é promover e difundir o coñecemento no eido xacobeo, facilitando a reflexión e o debate cultural, impulsando a súa presenza no ámbito universitario. Para isto, ten previsto levar a cabo numerosas iniciativas algunhas xa postas en marcha como cursos, seminarios, publicacións ou a creación e mantemento dun fondo bibliográfico e documental.
Así mesmo, a través dela incentívanse bolsas ou contratos de formación e investigación, premios e concursos de ideas ou proxectos fin de carreira vinculados ao Camiño de Santiago.
A charla, aberta ao público en xeral, engádese ás ofrecidas nas últimas semanas por Fernando Villaseñor, da Universidade de Santander, que abordou a Iconografía de Santiago en libros iluminados baixomedievais; por Raquel Alonso Álvarez, da Universidade de Oviedo, coa charla titulada A Cámara Santa da catedral de Oviedo. De ‘thesaurus’ a santuario de peregrinación; e por Attilio Antonelli, da Sopraintendenza Archeologia, Belle Arti e Paesaggio per il Commune di Napoli (Italia), que pronunciou a conferencia A Real e Pontificia Basílica de Santiago dos Españois en Nápoles.
Outras novas
-
Fri Apr 10 14:00:00 CEST 2026
A Xunta e a Asociación de Amigos do Camiño promoven un Encontro de Corais o día 18 en Lugo
-
Tue Apr 07 13:00:00 CEST 2026
Xosé Merelles reafirma a folla de ruta da Xunta para un Xacobeo 2027 planificado e estruturado
-
Wed Mar 25 20:00:00 CET 2026
A Xunta abre o prazo para que a cidadanía, empresas e entidades presenten iniciativas no programa ‘O Teu Xacobeo’