Turismo de Galicia colaborará cunha iniciativa para a integración social de menores a través do Camiño de Santiago en Gran Canaria
- Nava Castro asinou hoxe un protocolo coa presidenta da asociación UP2U Project Depende de Ti, a xuíza de menores Reyes Martel, que fixa os fins da colaboración
Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2017
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asinou hoxe un protocolo coa presidenta da asociación sen ánimo de lucro UP2U Project Depende de Ti, Reyes Martel, que ten como fin colaborar cunha iniciativa para a integración social de adolescentes a través do Camiño de Santiago en Gran Canaria.
Reyes Martel, titular do Xulgado de Menores Nº1 de Gran Canaria, lidera este proxecto para posibilitar que todos os mozos con problemas de conducta ou en risco de exclusión podan integrarse de xeito produtivo na sociedade, para o que se impulsan accións na ruta xacobea.
Neste contexto, promoveranse entre nenos e mozos declarados en desamparo ou de xustiza xuvenil valores tales como a deportividade, o respecto, o reto persoal, o triunfo, o sacrificio ou a perseveranza, que serán estimulados en menores en situación de vulnerabilidade.
Ao tempo que se trata de recuperar a comunicación entre os máis novos, as súas familias e a sociedade, contribúese a abrir pontes entre o Camiño de Santiago tradicional e o Camiño de Santiago en Gran Canaria, única ruta xacobea con dúas igrexas con indulxencia plenaria fóra do territorio continental europeo, afondando e difundindo os valores da peregrinación.