1/xuñ/2017

Feijóo empraza á Orde do Camiño de Santiago e á Academia Xacobea a ser gardiáns activos do europeísmo

  • Sostén que non se trata de negar o malestar, a inquedanza e o medo, cando son reais, senón de defender a tese de que a democracia e Europa son e serán sempre a mellor solución
  • Expresa o desexo de que a Galicia que foi unha das fontes do europeísmo, saiba contribuír tamén ao seu rexurdimento. “A Europa de hoxe foi o soño daqueles peregrinos, e a nós correspóndenos seguir facéndoa realidade”, afirma

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2017

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, emprazou hoxe á Orde do Camiño de Santiago e á Academia Xacobea a ser gardiáns activos do europeísmo. “Os ideais da nosa cultura cívica non se defenden sos. Hai que alimentalos constantemente e protexelos”, dixo, lembrando que a Europa política e económica ten que estar acompañada sempre por unha Europa cívica, cultural e espiritual.

Nesta liña, afirmou que non se trata de negar o malestar, a inquedanza e o medo cando son reais, senón de defender a tese de que a democracia e Europa son e serán sempre a mellor solución.

Durante o acto da Academia Xacobea, Feijóo fixo extensiva esta petición aos novos académicos: a Juan Viaño, “que ostenta o reitorado dunha das universidades máis antigas de Europa”; a Víctor Manuel Vázquez Portomeñe “que soubo anovar o Camiño co Xacobeo 93, modernizalo e facelo atractivo para distintas culturas”; a Eduardo López Pereira, “a quen lle debemos a divulgación de aspectos non coñecidos do Códice Calixtino, como os sucesivos intentos de levalo, unhas veces por razóns de moralidade e outras por razóns de pura cobiza”; a Jesús de Juana, “un dos mellores coñecedores da historia contemporánea e do galeguismo”; a Xavier Añoveros Trias de Bes, “por servir de vencello entre Galicia e Cataluña”, e a Ulises Bértolo “que nos regala ortodoxias noveladas que enxalzan o Camiño”.

O responsable do Goberno galego concluíu expresando o desexo de que a Galicia que foi unha das fontes do europeísmo, saiba contribuír tamén ao seu rexurdimento. “A Europa de hoxe foi o soño daqueles peregrinos, e a nós correspóndenos seguir facéndoa realidade”, aseverou.