Dúas bloggers chinesas coñecen o Camiño de Santiago nunha viaxe promovida por Turismo de Galicia
- Fei Zhiqun e Zhang Xiaoguang suman máis de 60 millóns de interaccións nos seus blogs relacionados coas viaxes, o medio ambiente e a cultura internacional
- Comezarán mañá a pé 100 quilómetros do Camiño e está previsto que cheguen a Santiago o vindeiro día 25
Santiago, 20 de maio de 2017
Co obxectivo de difundir os valores do Camiño de Santiago entre a sociedade chinesa, Turismo de Galicia vén de organizar unha viaxe de promoción na que as bloggers Fei Zhiqun e Zhang Xiaoguang poderán coñecer a Ruta Xacobea realizando a pé os últimos 100 quilómetros.
Estas dúas bloggers, especializadas en viaxes, medio ambiente e cultura internacional, comezarán mañá o seu percorrido polo Camiño e está previsto que cheguen a Santiago o vindeiro día 25.
Durante a súa estadía na Comunidade galega poderán profundizar en aspectos relacionados coa Ruta xacobea pero tamén nas costumes, na cultura e no turismo galego en xeral.
A presenza destas dúas bloggers nas redes sociais chinesas materialízase en máis de 60 millóns de interaccións nos seus blogs e varios centos de miles de seguidores en distintas redes, sumando Zhang Xiaoguang máis de 270.000 seguidores en Weibo.
Esta blogger, escritora freelance e fotógrafa de lugares turísticos, gastronomía e patrimonio monumental xa visitou máis de 70 países e ten publicado en revistas como Cosmopolitan, National Geographic Traveler, Time Out, Travel and Leisure, Voyage e Global Times.
Fei Zhiqun, pola súa parte, tamén está especializada en viaxes, cultura, artes e gastronomía, e xa visitou máis de 30 países.
Os traballos de comunicación de Feir Zhiqun publicáronse máis de 150 veces en revistas chinesas, tanto online como offline.
Outras novas
-
Tue Apr 28 13:00:00 CEST 2026
Rueda destaca o “crecemento espectacular” do Camiño Portugués da Costa, que multiplicou a súa afluencia na última década
-
Sun Apr 26 14:00:00 CEST 2026
O circuíto da Xunta ‘Cultura no Camiño’ chegará este verán a 90 concellos das rutas xacobeas