Galicia, Castela e León, Asturias e Portugal promocionarán de forma conxunta o Camiño de Santiago
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta mañá en Valladolid na reunión de traballo materia de turismo que mantivo a Macrorrexión do Sudoeste de Europa (RESOE), conformada por Galicia, Castela e León, Asturias, o Norte de Portugal e o Centro de Portugal.
Na xuntanza de coordinación abordouse a fixación dos próximos obxectivos, así como o calendario de actuación. Neste sentido, acordouse preparar un proxecto de traballo que inclúa para este ano 2016 a definición dalgúns produtos.
Neste sentido, apostarase por un maior aproveitamento do Camiño de Santiago, dos bens declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO e dos lugares Císter, combinando todas estas propostas coa oferta gastronómica, enolóxica e de recursos naturais. A maiores, acordouse que a seguinte reunión do grupo de traballo se realizará en torno ao vindeiro mes de novembro en Santiago de Compostela.
Concepto turístico da RESOE
O espírito da estratexia RESOE é buscar un nexo común entre as rexións participantes para promocionar no campo turístico os territorios membros dunha maneira conxunta e coordinada, poñendo en valor o seu patrimonio histórico, as reservas naturais, a cultura e a gastronomía.
Os principal obxectivo é sumar esforzos para comercializar produtos turísticos comúns dos territorios participantes, favorecendo o tráfico de visitantes entre as rexións e aumentando tamén a súa proxección internacional.
Desta maneira, a RESOE poderá promocionar produtos xenéricos para a rexión como as Rutas do Camiño de Santiago, do Patrimonio Mundial da Humanidade, das Grandes Catedrais, das Reservas Naturais Patrimonio da Humanidade, dos Grandes Santuarios e Peregrinacións, da Gastronomía e da Enoloxía e dos Mosteiros.
Ao mesmo tempo, a actuación permitirá desenvolver produtos específicos relacionados con eventos periódicos ou puntuais como a Ruta da Semana Santa ou a Conmemoración en 2017 do I Centenario das Aparicións de Fátima.
Outras novas
-
Tue Apr 28 13:00:00 CEST 2026
Rueda destaca o “crecemento espectacular” do Camiño Portugués da Costa, que multiplicou a súa afluencia na última década
-
Sun Apr 26 14:00:00 CEST 2026
O circuíto da Xunta ‘Cultura no Camiño’ chegará este verán a 90 concellos das rutas xacobeas