30/abr/2016

O xerente do Xacobeo participa nun coloquio da Universidade de Barcelona para promover o Camiño de Santiago

O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, participou na mesa redonda “Actualidade do Camiño de Santiago, entre patrimonio mundial e experiencia local”, enmarcada na segunda edición do coloquio sobre o Camiño de Santiago que organiza a Facultade de Filosofía e Letras da Universidad Autónoma de Barcelona. A edición deste ano titúlase “Santiago, Bari, Xerusalén: unha viaxe de ida e volta”.

Durante a súa intervención, Rafael Sánchez presentou as principais liñas de traballo que desenvolve a Xunta de Galicia, ao abeiro do Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago, que marca as estratexias de Galicia cara ao vindeiro Ano Santo 2021.

Neste sentido, estanse cumprindo os obxectivos marcados, e no que vai de ano xa chegaron a Galicia un 10,83% máis de peregrinos que nas mesmas datas do ano pasado. Concretamente, dende xaneiro Galicia recibiu 27.605 peregrinos, dos cales 12.792 -o 46,34%- son de procedencia española e 14.813 -53,66%-, de carácter internacional. Estas cifras supoñen un aumento de 2.697 peregrinos con respecto aos que nos visitaron no mesmo período de 2015 -24.908 peregrinos-.

O xerente subliñou tamén a importancia da acción investigadora en torno ao Camiño, que cada día suscita maior interese e demanda, e a importancia de foros deste tipo.

Este evento, no que se dan cita expertos internacionais, conta coa colaboración de Turismo de Galicia posto que é unha actividade con especial valor de intercambio de coñecementos entre expertos de España, Italia e Israel. A maiores, o encontro tamén contribúe a difundir o Camiño de Santiago no ámbito universitario e en Cataluña, Comunidade que ten un amplo tecido de asociacións de amigos do Camiño ao contabilizar 20 entidades deste tipo espalladas por todo o seu territorio.