3/abr/2013

A Xunta presenta “Cultura no Camiño”, un ciclo que levará 323 actuacións a 81 concellos de Galicia

A Xunta de Galicia presentou a segunda edición do circuíto Cultura no Camiño. Este ciclo, que se encadra dentro da conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela, levará 323 actuacións escénicas e musicais a 81 concellos polos que transcorren algunha das rutas do Camiño de Santiago.

Entre os meses de abril e setembro 134 compañías e artistas ofrecerán 74 espectáculos de maxia, 60 actuacións musicais, 29 propostas escénicas de novo circo e 160 representacións teatrais, que conseguirán achegar ao público das distintas vilas e cidades parte do inmenso talento artístico co que conta Galicia.

Na organización de ‘Cultura no Camiño’ participan a Xunta, a través de Turismo de Galicia e a Consellería de Cultura e Educación, e tamén os 81 concellos inscritos, que asumen unha parte do caché dos artistas.

A distribución territorial do programa queda da seguinte forma: na provincia da Coruña 31 concellos acollerán 116 representacións; en Lugo, 18 concellos ofrecerán 80 espectáculos; 10 concellos de Ourense porán ao dispor do público 39 funcións; e na provincia de Pontevedra 22 concellos levarán aos escenarios un total de 88 representacións.